Volven os premios paraguas para recoñecer a creatividade galega

O vindeiro 29 de novembro de 2019 celebrarase en Ourense a entrega dos IV Premios Paraugas, organizados polo Clúster de Comunicación de Galicia co obxectivo de recoñecer públicamente ás empresas, institucións, organizacións e profesionais que destacan polo seu bo facer no ámbito da creatividade, do deseño, da edición, da impresión, do marketing e da comunicación en Galicia, poñendo en valor a efectividade das súas accións e a innovación no uso de materiais, soportes e medios. 

Os premios entregaranse nunha gala especial enmarcada na celebración do VII Foro de Comunicación de Galicia no hall de Expourense. Nese mesmo acto, o Clúster homenaxeará a persoeiros e/ou institucións que, pola súa traxectoria, pola súa contribución ou por compartir os principios fundacionais do organismo, sexan merecedores desta distinción. 

En concreto, haberá premios específicos nas categorías de impresión e edición, deseño, creatividade, marketing dixital, marketing e comunicación. O xurado estará formado por membros da Xunta Directiva do Clúster da Comunicación de Galicia, así como por outros membros das asociacións socias do Clúster (Markea, Dircom Galicia, Creatividade Galega…) e outros profesionais de prestixio, tanto do ámbito docente coma empresarial. 

Os Premios da Comunicación e do Marketing de Galicia foron creados polo Clúster da Comunicación de Galicia no ano 2016. Naceron coa idea de poñer en valor a calidade e o excelente traballo que se fai na nosa terra, co obxectivo de enxalzar a función da creatividade, o deseño, a edición, a impresión, o marketing e a comunicación nas empresas e nas institucións galegas, e como medio para conseguir aumentar a competitividade e a capacidade innovadora. Trátase dunha convocatoria de premios desde o sector e para o sector.