Vigo asegúrase a neve para o Nadal

En calquera evento turístico o único que non podemos controlar é a metereoloxía... Pero en Vigo parece que se resisten a deixar factores en mans alleas. Se hai pouco o alcalde, Abel Caballero, prometía que non chovería durante o encendido do alumeado, agora está en condicións de garantizar neve para o Nadal vigués. 

Aínda que a cousa ten truco. A neve será artificial, producida por 58 estruturas situadas ao longo da Alameda que se presentan como unha das principais novidades da campaña deste ano, coa que pretenden revalidar o éxito de visitantes alcanzado en 2018. 

As máquinas acompañarán ao mercado de Nadal, que abrirá as súas portas o domingo 24 de novembro na Alameda con 58 postos de artesanía, alimentación e marcas de hostalería e que será "un dos grandes atractivos do Nadal". Segundo explicou o alcalde, o mercado contará tamén con espazos para tomar as consumicións e terá un teito decorado sobre a estrutura de madeira que sinalizará con luces a ruta para chegar ás diferentes casetas. Amais instalaranse colectores de recollida selectiva de lixo mentres permaneza aberto, ata o 12 de xaneiro.

Amais deste mercado, unha das novidades do Nadal de Vigo deste ano, haberá outro mercado no Calvario e o tradicional da rúa Londres e mantéñense ofertas de ocio como a pista de xeo e a rampla de neve, que están pendentes de conseguir autorización.

O alcalde lembrou que o Nadal de Vigo contará tamén con grandes elementos como a noria na Alameda, unha grande bola de Nadal, o boneco e a árbore xigante da Porta do Sol. Amais instalarase un poboado navideño na Praza da Constitución. No tocante á iluminación, Vigo terá dez millóns de luces LED que supoñen un importante aforro enerxético respecto a anos anteriores, 2.700 arcos de luz, 334 rúas iluminadas e 465 árbores de luz.