Santiago busca turistas de calidade no mercado asíatico

Turismo de Santiago vén de marcarse como obxectivo a captación dun turismo de maior calidade, que complemente o turismo tradicional da cidade, achegándolle un valor engadido mediante visitantes cun gasto medio elevado e que fomenten a desestacionalización da demanda, xerando un modelo turístico máis sostible.

Neste sentido, o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron dúas accións destinadas a promocionar a cidade nos principais mercados emisores asiáticos. A primeira é a participación na ITB Asia, que se celebra en Singapur do 16 ao 18 de outubro, e a segunda é a asistencia á feira JATA, que se celebra en Osaka do 24 ao 27.

Segundo os datos do INE, o gasto medio por turista internacional en España no 2018 foi de 146 euros. Xapón, con 410 euros, Corea, con 353, e China, con 291, superan amplamente esta media. Neste sentido, os turistas destes tres mercados son turistas que xeran un gasto moi elevado e que ademais viaxan durante todo o ano, permitindo a desestacionalización do destino.

O obxectivo da participación nestas dúas feiras é manter unha ampla axenda de reunións con axentes de viaxes, turoperadores, responsables de OETs e profesionais do sector, para presentar a Santiago como un destino idóneo para os mercados do sureste asiático, no que se combinan cultura, patrimonio, historia, gastronomía e natureza. A idea é conseguir que se inclúa a Santiago tanto nas rutas turísticas que fan os grupos por diferentes cidades e rexións de Europa, coma que se presente a cidade como un destino que paga a pena visitar por si mesmo.