Santiago aposta pola desestacionalización



No número 221 de HGg&T publicamos as declaracións do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que nos presenta a súa estratexia turística para esta lexislatura. 



Santiago de Compostela é xa un destino turístico consolidado. O seu atractivo como cidade patrimonio da Humanidade da UNESCO, os seus monumentos mundialmente recoñecidos, o tractivo dos Camiños de Santiago; convértennos no referente do turismo, sobre todo cultural e urbano, do noroeste peninsular, e un dos destinos máissobresaíntes de España.

Isto é posible porque Santiago ten unha moi completa oferta de servizos a disposición dos visitantes e turistas; servizos de aloxamento -máis de 14.000 prazas en todos os niveisde demanda, dende albergues a hoteis de 5 estrelas- e de restauración; modernas infraestruturas para congresos e outros eventos.

E a cidade está, ademais, excelentemente conectada: un moderno aeroporto internacional, autovías con Madrid, Portugal, o norte peninsular e Europa e, en breve, liña de alta velocidade ferroviaria. De cara aos próximos anos o obxectivo fundamental é avanzar na consolidación dun turismo de calidade, o que significa incrementar a promoción do turismo gastronómico, do turismo cultural e de patrimonio, e do turismo de congresos, tanto académicos co referente da nosa multicentenaria universidade; como de empresa, xa sexa de incentivos, de promoción, de presentación de produtos e servicios ou doutra índole.

Ao mesmo tempo debemos levar a cabo accións que tendan á desestacionalización da demanda para lograr niveis de ocupación máis elevados nos meses de inverno. Por outra deberemos traballar no obxectivo de evitar os efectos indesexables que unha presión turística excesiva en determinadas zonas da cidade poida supoñer para os residentes.

Isto esixirá un control e regulación efectiva dos aloxamentos turísticos (pisos turísticos, sobre todo), e accións en prol do mantemento dos usos comerciais, sociais e lúdicos das zonas urbanas con maior presión de visitantes, así como tratar de expandir o fluxo de visitas ao conxunto da cidade.