Renóvase o convenio para potenciar o turismo na mariña lucense

A Deputación de Lugo acaba de renovar o seu convenio coa Mancomunidade de Municipios da Mariña, que busca desestacionalizar o turismo na zona conseguindo a diferenciación e axudar a que os visitantes queden a durmir un ou varios días na Mariña. 

O novo convenio está dotado con 25.000 euros para seguir poñendo en marcha iniciativas como a revista +QueAMariña ou audioguíasteatralizadas que inclúen información sobre os cascos históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro con traducións ao inglés, francés e o castelán. 

O presidente da Deputación, José Tomé, subliñou que este convenio ten como obxectivo “darlle continuidade e impulso a un proxecto de unidade e de busca de sinerxías para impulsar o desenvolvemento económico e social desta comarca, como é a Mancomunidade de Municipios da Mariña”. 

Durante o acto, o Presidente tivo palabras de agradecemento para as corporacións municipais. “Estades traballando na senda axeitada, parabéns a todos por todo o esforzo que facedes, nós reafirmamos o noso firme compromiso coa Mariña e tede presente que seguiredes contando coa alianza da Deputación de Lugo”, subliñou. 

Ao remate do acto, o Presidente e os alcaldes, alcaldesas e concelleiros e concelleiras asistentes participaron nunha visita guiada polo BarcoMuseo Boniteiro Reina del Carmen de Burela, un emblema dos atractivos turísticos da comarca.