Ourense: Volta de tuerca termal e parque acuático para o sur de Europa

Rematamos con Ourense a nosa serie de declaracións dos alcaldes das sete principais cidades galegas adiantando os seus plans turísticos de cara á presente lexislatura, que poden consultar íntegras no número 221 de HGg&T. 

A cidade de Ourense conta con extraordinarios alicientes para ser un destino turístico moi competitivo, como son o seu rico patrimonio histórico artístico, as súas augas termais, a súa oferta  gastronómica ou comercial.

Pero estes recursos non foron suficientemente aproveitados. Necesita un revulsivo para posicionarse no sector, e dende o Concello queremos ser o motor que promova este paso adiante que necesita. No noso programa electoral xa plantexamos algunhas destas iniciativas: un parque acuático, que será único no sur de Europa, cunha sección de auga termal que permita o seu goce durante todo o ano, daremos un novo enfoque ao termalismo,con novas infraestruturas, equipamentos e servizos, un referente no turismo termal e de saúde, e sirvan de fonte de desenvolvemento económico e emprego.

Tamén interviremos no corazón da cidade, reconstruíndo a cidade romana termal de As Burgas, Aquis Auriensis. Cremos que Ourense necesita un gran evento que posicione a cidade en datas estratéxicas, polo que revitalizaremos as nosas festas tradicionais. Prepararemos unha gran acción en Nadal, cun monumental belén en todo o casco antigo, que será único en España.

Tamén temos previsto promocionar Ourense con motivo dunha das súas datas máis singulares; os Magostos, no mes de novembro, que serán as festas maiores da cidade, cunha programación de referencia cultural e festiva de Galicia.

Potenciaremos o Entroido, que incluirá na súa programación un desfile de todos os Entroidos de Galicia, como Capital do Entroido e reorientaremos as festas de verán, no mes de xuño, con algún evento que reúna na nosa cidade a xente moza de toda Galicia coincidindo co final de curso universitario.