O Ribeiro será protagonista dos magostos en Ourense

O C.R.D.O. Ribeiro e a súa Ruta do Viño serán os protagonistas da xornada máis festiva dos Magostos en Ourense, o sábado, 9 de novembro. Conxuntamente organizan varias actividades para enriquecer a programación prevista para as festas, e que fará, sen dúbida algunha, que todos os ourensáns lembren estas xornadas pola súa calidade lúdica e enogastronómica. O presidente de ambos organismos, Juan Manuel Casares, indica que “a cidade de Ourense é historicamente importante para o Ribeiro. Hai que ter en conta que unha parte de Ourense está dentro do territorio demarcado na Denominación de Orixe, así coma que o Concello de Ourense é socio da Ruta do Viño do Ribeiro.” 

En primeiro lugar, celebrarase unha representación teatralizada dedicada ao camiño do viño, os arrieiros e o viño do Ribeiro. O acto terá lugar a partires das 12.30 horas nos xardíns de Padre Feijóo (se chove trasladarase á carpa situada na Praza Maior), onde se interpretará un guión descubrindo o camiño que facían os arrieiros ata terras de Compostela transportando viño, contando historias e datos dun camiño milenario. 

Ademais, organizarase un túnel dos viños da Ruta do Viño do Ribeiro no Liceo de Ourense, onde, de 12.00 a 14.00 horas, todos aqueles que o desexen poderán degustar varias referencias de viño onde lle explicarán as peculiaridades de cada un deles. 

E por último, sempre que a climatoloxía acompañe, un DJ móbil percorrerá as prazas máis relevantes da zona de viños de Ourense de 21.00 a 00.00 horas con música animada para que todos os ourensáns e visitantes poidan gozar dun intre distinto e divertido grazas ao Ribeiro. Facendo referencia a todas as accións, Casares quere sinalar que “todas as actividades que imos levar a cabo teñen por obxectivo poñer en valor todos os recursos que ten a comarca vitivinícola do Ribeiro, tanto cos seus viños coma coa súa historia” 

O domingo 10 de novembro celébrase a 11ª edición do Día Europeo do Enoturismo, que promove a Rede Europea de Cidades do Viño (RECEVIN), nesta data os principais destinos enoturísticos europeos elaboran un programa de actividades para a promoción da cultura do viño. Este ano a Ruta do Viño do Ribeiro e o Consello Regulador colaboran para a promoción do viño e do territorio nestes dous eventos, o Magosto e o Día Europeo do Enoturismo.