O leite e os seus derivados xa supoñen a terceira parte do volume de vendas do Craega


O leite e os seus derivados supuxeron o pasado ano unha terceira parte do volume de vendas certificadas polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Foron en total máis de 26 millóns de euros, é dicir, por riba do 33% dos 78,7 millóns que acadou o ecolóxico no seu conxunto dentro da nosa comunidade. 

O conselleiro de Medio Rural, José González, puxo como exemplo deste éxito a Casa Grande de Xanceda, unha explotación de leite en ecolóxico situada no concello coruñés de Mesía. Trátase dunha explotación que conta con 380 vacas pacendo nunha superficie de 175 hectáreas e “que aplica na súa produción, conceptos clave, como son a diferenciación, a vangarda, a calidade e a innovación”, segundo salientou o conselleiro. 

Por todo isto, José González engadiu que “esta é a liña pola que queremos transitar, a prol dun rural con futuro” e valorou especialmente a aposta polo ecolóxico que realiza Casa Grande Xanceda e que, dixo, é “unha aposta sobre seguro, tendo en conta o importante crecemento desta produción na nosa comunidade nos últimos anos”. 

O volume de vendas certificadas polo Craega rexistrou un incremento do 33% ao pasar de 59 millóns de euros en 2017 a 78,7 millóns o pasado ano e, ademais, a superficie inscrita en ecolóxico medrou nun 5,8% no último ano, ata aproximarse ás 34.000 hectáreas certificadas en toda Galicia.