O Concurso de Tapas Picadillo entra na recta final

Os locais finalistas do Concurso de Tapas Picadillo de A Coruña son La Pérgola de Oído Cocina, Cevichería La Sarita, Gastroteca, Casa Martín, Restaurante Morriña e Chirashizushi na categoría Tradicional. Na Creativa son o Restaurante O Fieital, Gastroteca, Taberna Os Tigres, Surrey, Alma Negra e Chirashizushi. 

A concelleira de Turismo, Diana Sobral, e a xerenta do Consorcio de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, saudarán este mércores e sacarán foto co xurado do Concurso composto por Carmen Fernández Gago Puga, membro da Academia de Gastronomía de Galicia e neta de Picadillo; Beatriz Sotelo, membro do Grupo Nove e profesora do CIFP As Pontes; Gerson Iglesias, membro de Cociña Ourense e finalista a cociñeiro galego do ano do Forum Gastronómico así como segundo posto no Concurso de Tapas de Ourense; Adrián Pérez, chef do Bar Sinxelo de Ferrol e Alén Tarrío, cociñeiro 2019 do Fórum Gastronómico e chef do Pampín Bar de Santiago.

Despois do saúdo sairán nun autobús desde Porta Real cara a La Pérgola de Oído Cocina, O Fieital, La Sarita e Gastroteca. A partir da Gastroteca o percorrido xa se fará a pé seguindo por Casa Martín, Morriña, Os Tigres, Surrey, Alma Negra e Chirashizushi. Os gañadores de cada categoría non se darán a coñecer ata a entrega de premios final.