Novembro para catar a arte cun Ribeiro solidario

O C.R.D.O. Ribeiro vén de presenta a sexta edición do ciclo Cata a Arte, que terá lugar novamente no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense e que inclúe presentacións e degustacións de catro adegas da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia acompañadas de accións culturais paralelas como poesía, monólogos, coutry e jazz. Na presentación participaron o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Armando Ojea e a coordinadora de programas en Cáritas Diocesana de Ourense, Mari Carmen Alonso. 

Novamente, as catas terán un carácter solidario. O C.R.D.O. Ribeiro colabora coa organización Cáritas Diocesana de Ourense, polo que nesta sexta edición, solicitarase aos asistentes un donativo a favor desta entidade que abarca diferentes ámbitos de actuación, dende programas de acollida, vivenda, infancia, etc. ata múltiples proxectos de voluntariado ou acción e dinamización social. 

As catas comezarán o vindeiro xoves, 7 de novembro, e continuarán durante todos os xoves ata finais de mes. O pistoletazo de saída poñerao Arco da Vella a Adega de Eladio, que realizará unha degustación do seu viño branco Torques do Castro e do tinto Tarabelo, acompañada dun recitado de poemas á viña e ao viño cos poetas Armando González López, Pepa Álvarez Gómez e Benito Eladio Rodríguez Fernández. 

O 14 de novembro será o momento da cata da Adega Catro Parroquias, que presentará os seus viños Catro Parroquias e Viña Leda, arroupados polo monólogo “Galego pode selo calquera…” do humorista e actor Alberte Montes. 

O 21 de novembro continuaremos coa cata de Nairoa que presentará os viños brancos Alberte e Val de Nairoa e ao son country e folk do grupo Os Forasteiros. E para rematar esta sexta edición, o broche final poñerao o 28 de novembro a Bodega Alanís, que fará unha degustación do seu viño Gran Alanís 2018 en harmonía coa música jazz do grupo carballinés 4Mal Quartet Jazz.