
Este novo sistema de alumeado formará parte dunha actuación máis ampla, na que segundo explicou a alcaldesa Mónica Rodríguez o obxectivo é "eliminar as humidades existentes, realizar pequenas reformas e renovar a deficiente instalación eléctrica, así como instalar un novo sistema de alumeado exterior e interior do Castelo acorde co monumento, para recuperar o esplendor e realzar a imaxe deste símbolo de Vimianzo de cara ás celebracións do vindeiro ano".
A rexedora local trasladoulle esta semana o proxecto ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, nun encontro "cordial" e "produtivo" no que se interesou polos detalles do proxecto e se comprometeu a que a institución provincial apoiará con 100.000 euros esta iniciativa, dado o gran valor do castelo, patrimonio da Deputación da Coruña, e a necesidade urxente de levar a cabo actuacións que garantan a súa adecuada conservación.
A Deputación estudará tamén a posibilidade de incrementar a achega que realiza para a celebración do Asalto ao Castelo (este ano ascendeu a 27.435 €) con motivo deste singular aniversario.