La Traslatio en Arousa Norte como recurso turístico

A Mancomunidade Arousa Norte convoca para esta fin de semana un simposio para analizar os recursos turísticos do territorio cara, e previo, a un lanzamento promocional no limiar do Xacobeo 21. Arredor de vintecinco estudosos e dinamizadores dos Camiños participarán nestas xornadas de coñecemento e perspectivas dos recursos turísticos de Riveira, Boiro, A Pobra e Rianxo. 

Desenvolveranse a modo de xornadas técnicas para as que, co asesoramento e planificación da Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo (AGAXET) e xestión da revista HGg&T, convidáronse diferentes entidades dinamizadoras do Camiño, entre elas, a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago, a Fundación da Ruta Marítima do Mar de Arousa, a Confraría Europea da Vela e Asociación Galega de Actividades Náuticas, e a Asociación de Cabaleiros de Camiño de Santiago. Tamén se xestionou a presenza da Academia de Gastronomía do Camiño Portugués, con representantes que viaxan desde Lisboa e Porto. 

As xornadas abriranse na casa do concello de Boiro, a media tarde (19,30) do venres 25, por parte do presidente da Mancomunidade e alcalde, Xosé Ramón Romero. O primeiro relatorio, de carácter introdutivo, estará a cargo da Asociación de Amigos do Camiño do Barbanza, que acaba de acuñar unha nova ruta entre Corrubedo e Iria Flavia. Tamén se convidaron a presentar a súa visión representantes de empresas auxiliares das actividades turísticas que operan na Mancomunidade. 

A mañá do sábado ocuparase, precisamente, no coñecemento e recoñecemento por parte das representacións convocadas da nova ruta de peregrinación, con intervencións “in itinere” e visitas puntuais no percorrido por estas terras litorais e destinos, produtos e recursos da Barbanza arousana. 

Durante a tarde terá lugar un coloquio no que as representacións convocadas analizarán, en vista do coñecemento acumulado nas respectivas traxectorias, e da experiencia vivida, as perspectivas e ideas que poderían orientar as acción futuras para a promoción turística da Arousa coruñesa. 

Ademáis dos alcaldes dos catro alcaldes dos concellos que conforman a Mancomunidade, está prevista a asistencia de Don Román Rodríguez González, Conselleiro de Cultura e Turismo.