Galicia leiteira

Galicia produce máis de oito millóns de toneladas de leite, e representa o 56% dos gandeiros con entregas de leite de vacún en España. Uns datos que permiten ter unha visión da relevancia que representa este eido produtivo no seu conxunto. 

Así o expuxo o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, na inauguración da xornada sobre o vacún de leite, que organiza a Organización Interprofesional Láctea (Inlac). 

Balseiros insistiu na necesidade de acadar unha maior colaboración entre administracións para conseguir posicionar cada vez máis o sector lácteo. Unha medida que dende o Goberno galego se leva a cabo tamén a través da ferramenta informática XACOBEA, que permite crear un índice de referenciación á carta para calcular o prezo do leite a pagar no caso de contratos con prezo variable. 

Nesta mesma liña avanza a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, que busca poner en valor a todos os elos da cadea do lácteo e mellorar a imaxe e o recoñecemento social dos gandeiros, a promoción do leite galego naqueles mercados aos que se dirixe e os mecanismos de remuda xeracional nas explotacións. 

Con esta estratexia, impulsada pola Xunta, preténdese aumentar tamén a capacidade de industrialización en Galicia do leite producido no noso territorio, incrementar o peso das Denominacións de Orixe de queixo na transformación láctea e mellorar o acceso dos produtos lácteos aos mercados nacionais e internacionais.