Ferrol fíxase o patrimonio mundial como obxectivo


No número 221 de HGg&T  coñecimos os obxectivos turísticos que se marca o novo alcalde de Ferrol, Ángel Mato, para esta lexislatura. 

A miña maior inquedanza desde que o pasado 15 de xuño asumín o cargo de alcalde de Ferrol é a de converter en feitos as innegables oportunidades que ten esta cidade, unha das cales, sen ningunha dúbida, é o turismo. Os obxectivos do meu equipo de goberno neste eido están ben definidos. Nos próximos catro anos a estratexia turística vaise centrar en cinco grandes eixos de actuación.

O primeiro vai ser impulsar a candidatura de Ferrol a patrimonio mundial, o que require desenvolver o órgano de xestión e o correspondente plan. O segundo será potenciar a cidade como porto de partida do Camiño Inglés de cara ao xacobeo do 2021. Os museos ferroláns deben ser outro dos piares da oferta turística, de xeito que desde o Concello se vai traballar arreo na promoción de Exponav, o Museo Naval, o Museo da Semana Santa e o Museo de Historia Natural. Tamén no ámbito da cultura, outro dos propósitos é darlles pulo a eventos da relevancia da Semana Santa, a Cabalgata de Reis, as Pepitas, o entroido ou as Meninas de Canido. 

Por último, aproveitando o privilexiado entorno rural que ten Ferrol, o turismo deportivo, de natureza e de praia terán tamén unha atención especial. Desde o goberno municipal somos conscientes de que esta estratexia depende tamén de outras medidas que xa no inicio do mandato nos marcamos como metas, como poden ser o mantemento e a limpeza dos espazos públicos, a mellora das comunicacións ou a recuperación do patrimonio, tanto urbano (Ferrol Vello e barrio da Magdalena) como  monumental (castelo de San Felipe e baluartes). Por iso, serán tamén prioritarias.

Estou convencido de que a combinación de todas estas accións daralle un novo xiro ao atractivo 
turístico que Ferrol ten de por si e confirmará esta cidade como un destino excepcional.