Dumbría recupera o monstro do camiño de Santiago

Dumbría acolleu a presentación do proxecto Territorio Vákner, unha iniciativa que recupera a figura do monstro medieval que vivía nos montes que separan o Xallas e a costa de Fisterra, atemorizando ás persoas que percorrían o camiño Xacobeo desde Santiago de Compostela á que estaba considerada a fin do mundo.

No acto de apertura que se desenvolveu no Salón de Actos do Albergue de Peregrinos do Conco, participou o vicepresitende da deputación Xosé Regueira, o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño , a Comisaria do Ano Santo 2021, Cecilia Pereira e o xornalista Pepe Formoso. O acto significou a apertura dun programa de dous días en que especialistas e promotores do proxecto achegarán á figura do monstro, a súa pegada histórica e as posibilidades como recurso de atracción turística para o territorio da ruta xacobea a Fisterra e Muxía.

Regueira aproveitou a ocasión para reivindicar a figura do montro: "Vákner pode ser un novo recurso para unha terra na que a lenda, a mitoloxía o misterio, a literatura e a cultura forman parte do seu poderoso atractivo. Supón tamén diversificar as potencialidades, en especial dos Camiños de Santiago, e, xunto con elementos xa coñecidos como a extraordinaria paisaxe, a magnífica gastronomía, o rico patrimonio ofrecer a posibilidade de se adentrar nunha historia de medo e misterio que pode ser moi atractivo para o turismo mais tamén para a veciñanza desta terra". 

Ademais da presentación do proxecto "Terras do Vákner" e a proxección do audiovisual temático, distintas persoas especialistas como Fernando Alonso, Aurora Lestón, Ignacio Iñarrea, Alfredo Eiras, Javier Castroviejo, Martiño Mercellas, Manuel Vilar, Francisco Singule José Antonio de la Riera participan o venres no encontro.

O sábado, o programa iniciouse coa intervención do director do Museo Fantástico da Bête de Gévaudan, en Saugues, arredor da experiencia divulgativa creada arredor doutro ser lendario similar ao de Vákner. A seguir, o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, o coordinador do proxecto, Antón Pombo, o autor da escultura do Vákner, Cándido Pazos, o músico Bieito Romero e David García, director de Galo Publicidade, participaron nunha mesa coordinada por Pepe Formoso na que se deu conta da dimensión do proxecto e do seu alcance tanto desde o aspecto histórico, cultural, de identidade e turístico.

A xornada rematou, despois da presentación do audiovisual e dunha degustación de produtos de Dumbría, cunha visita guiada polas Terras do Vákner que partiu do Centro de Información ao Peregrino no Hospital do Logoso , seguiu polo lugar do Marco do Couto, a Igrexa de San Pedro de Buxantes, a Pedra do Brazal até rematar na Fervenza do Ézaro.