Avances no proxecto da Senda dos Faros en Muxía e Camariñas

Acompañado de técnicos do departamento de Asistencia aos Concellos, o deputado responsable da área de Vías e Obras da Deputación da Coruña, José Manuel Pequeño Castro, visitou  os concellos de Muxía e Camariñas para analizar o trazado da Senda dos Faros, co rexedor muxián, Iago Toba, e a mediodía coa alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.

Pequeño enmarcou o encontro na rolda de reunións que está a levar a cabo cos distintos municipios da provincia que participan no proxecto Senda dos Faros, no que a Deputación, coa colaboración económica de fondos FEDER, investirá 5,1 millóns de euros para dotalos de sendas ciclables que conectarán once faros da provincia, entre eles o de Cabo Touriñán (Muxía) e Cabo Vilán (Camariñas).

O deputado explicou que os proxectos están actualmente en fase de redacción e que o obxectivo da reunión e "analizar os itinerarios por onde van pasar as sendas e ver se é necesario realizar algunha pequena modificación no proxecto". No caso de Muxía, o itinerario previsto sería o máis extenso da provincia, con 16 quilómetros de lonxitude, mentres que en Camariñas a senda terá unha lonxitude de 5 quilómetros.

Case 60 quilómetros de sendas no contorno de 11 faros coruñeses
Pequeño afirmou que as Sendas dos Faros será un dos proxectos máis importantes do goberno provincial no presente mandato, que ademais de fomentar unha mobilidade máis sostible e reducir as emisións de CO2 contribuirá a potenciar o valor patrimonial e paisaxístico dos faros da costa coruñesa e a promover o turismo.

Os faros obxecto do proxecto son os de Estaca de Bares (Mañón), Cabo Ortegal (Cariño), Punta Frouxeira (Valdoviño), Punta Nariga (Malpica), Laxe, Cabo Vilán (Camariñas), Cabo Touriñán (Muxía), Fisterra, Cabo de Cee (Corcubión), Lariño (Carnota) e Punta Queixal (Muros), nos que se deseñarán un total de 59,6 quilómetros de itinerarios de sendas ciclistas apoiados na rede viaria existente e cun ancho aproximado de 2 metros.