A Veiga presume de estrelas

Esta fin de semana celebrarase en A Veiga o encontro Astrotrevinca, que promocionará o territorio como destino turístico StarLight a través de observacións nocturnas e diurnas do ceo, conferencias e proxeccións de documentais.

Segundo explicou Óscar Blanco, un dos impulsores dos primeiros encontros de afeccionados á astronomía no concello, A Veiga revélase "como o mellor lugar do noroeste da península ibérica para observar as estrelas pola baixa contaminación lumínica, boas codicións climatolóxicas e a súa altitude". 

Como puntos fortes das xornadas, destacou as observación nocturnas que terán lugar no miradoiro estelar das Tablillas, ademais dunha observación diurna doutra estrela indispensable para a vida, o sol, mediante telescopios especiais. 

Na presentación da xornada participou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, o alcalde da Veiga, asegurando "falar de astronomía e de Pena Trevinca, o cumio máis alto de Galicia con 2.124 metros, é falar inevitablemente da Veiga, que nos ofrece un proxecto estrela para observar e coñecer as estrelas, ocupando un lugar destacado no ámbito da astronomía e nun segmento emerxente como o astroturismo".

Pola súa banda, o alcalde da Veiga, Juan Anta, sinalou que desde o concello estase a facer "unha aposta decidida polo turismo astronómico, dun modo didáctico, divertido e para achegar ao público un dos mellores catorce ceos do mundo", cun forte compromiso polo desenvolvemento do rural a través do turismo sostible. Aproveitou tamén o rexedor para recordar que no próximo mes de marzo está previsto que estea a pleno rendemento o observatorio astronómico, "como unha das ferramentas máis potentes do noroeste de España".