A Galicia insólita. Tan lonxe e tan preto, espectáculo en Pontevedra con textos de Antón Fraguas

"A Galicia insólita. Tan lonxe e tan preto" é o título do espectáculo etnográfico que a Asociación 'Os de algures' porá en escena o vindeiro domingo ás 20:30 no Teatro Principal. Baseado en textos de Antón Fraguas, contará cun elenco de 80 persoas e a colaboración especial de Begoña Lorenzo. 

Os actores e as actrices que subirán ao escenario son as da Aula Municipal de Teatro, a música correrá a cargo de 'Os de algures', as Pandereteiras de Sadeo, e o Coro Vinderel, o baile e a danza a cargo do Ballet Folclórico Galego, e o vestiario provirá do fondo de Sete Espadelas, que sacarán para a ocasión mesmo pezas centenarias.

"Sabemos que este espectáculo leva un traballo inmenso e que todas as persoas que participan lle dedican o 100% do seu tempo libre para sacalo adiante" asegurou esta mañá a concelleira de Cultura, Carme Fouces, durante a presentación. Fouces agradeceu especialmente "que se faga un espectáculo destas características, que valoriza a cultura galega e que, ano a ano, vai facendo como pequenos tomos da memoria". 

Pola súa banda, a deputada provincial de Cultura, María Victoria Alonso salientou que esta iniciativa "fomenta os lazos entre Administracións, colectivos e público". 

O director artístico, José Luis Rodríguez explicou que nesta ocasión (este é o sexto espectáculo) se escolleu obra de Antón Fraguas por tratarse dun "etnógrafo eminente" e "pola cercanía do autor e da obra". Indicou que se entrelazaron diferentes historias para amosar en cinco actos diferentes escenas da Galicia máis sorprendente como é a Santa Compaña, o xogo do abellón, o bautismo prenatal ou a lectura pragmática dos Reis Católicos.