A Costa da Morte avanza para converterse nunha Reserva Mundial de Surf

A Costa da Morte segue dando pasos cara o obxectivo marcado de converterse nunha Reserva Mundial de Surf. Acaba de declararse oficialmente Reserva Local de Surf nunha xuntanza desenvolvida en Carballo, na que tamén se deu comezo a un foro de sensibilización dos valores dos ecosistemas e as ondas da Costa da Morte ademais de botar a andar unha campaña de divulgación dos valores do surf nos centros de ensino dos concellos implicados.

A reunión contou coa presenza de representantes políticos dos concellos de Fisterra, Laxe, Malpica, Carballo e A Laracha, e marcou o comezo da segunda fase do proceso de candidatura da Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf. Á xuntanza, convocada pola Deputación da Coruña, ademais de representantes políticos de concellos que participan no proxecto, asistiron membros da comisión operativa da iniciativa.

A candidatura enfróntase agora á fase definitiva do proceso para o que conta cun dos seus principais activos a implicación de máis de trinta representantes tanto de institucións como de entidades privadas traballan conxuntamente para que o obxectivo se faga realidade.

A entidade Save the Waves, que é quen decide sobre as candidaturas presentadas, require agora a presentación dun proxecto polo miúdo antes do fin do ano, no que xa se está traballando, mais tamén estudar as formas para dar viabilidade a curto e longo prazo para contribuír ao desenvolvemento da Costa da Morte como destino sustentábel de surf, o que foi o principal obxectivo da xuntanza celebrada en Carballo.