Termatalia volve reunindo a profesionais de 34 países

Esta semana celebrarase en Expourense a 19ª edición de Termatalia, a Feira Internacional de Termalismo, Saúde e Benestar que este ano contará con 34 países representados, 269 expositores e 26 touroperadores, con masiva presenza de América Latina e de Europa e incorporando tamén ao Norte de África e Asia-Pacífico. Estes datos, sumados á presenza de 67 relatores, posicionan ademais a Ourense e Galicia como centro de formación profesional en materia de termalismo.

A feira abrirá as súas portas os días 19 e 20 de setembro, aínda que as actividades se extenderán dende hoxe mesmo na denominada "Semana Termatalia", que inclúe o congreso internacional de termalismo 2021-2027 organizado polo proxecto "Raia Termal", no balneario de Lobios.

Promoción turística, xestión de centros termais, balnearios, deseño e construción, desenvolvemento da industria termal, augas, dermoestética, formación ou asociacionismo, son algúns dos temas que aborda esta edición de Termatalia, que segue a referentar o éxito que acada ano tras ano, e que nas edicións de Brasil (2018) e México (2016) impulsou o interese dos países de América Latina por desenvolver os seus recursos termais seguindo o modelo europeo.

Na presentación da feira participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro , Flora Moure, concelleira de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense e Emma González, directora de Termatalia. 

Baltar asegurou que esta nova edición de Termatalia "situará novamente a Ourense como epicentro do termalismo, con esta feira, a única do mundo referida a este importante sector económico, organizada desde esta cidade e esta provincia", salientando"a destacada participación coa que conta este ano a feira, con 34 países representados, o que fala do bo traballo realizado, dun certame plenamente consolidado e dunha marca, Termatalia, con prestixio no mundo, e que sitúa a Ourense, á provincia termal, con esa forza e posicionamento que caracteriza a todas as administracións que cremos no termalismo como eixo estratéxico de desenvolvemento do noso territorio". "