Simposium A Pegada do Viño no Camiño de Santiago

A comarca do Ribeiro acollerá durante os días 6, 7 e 8 de setembro, un simposium titulado “A pegada histórica do viño no Camiño de Santiago”. Esta iniciativa, organizada polo CRDO Ribeiro e pola Asociación Ruta do Viño do Ribeiro, desenvólvese ao abeiro do programa “O teu Xacobeo” impulsado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura e Turismo. 

Nesta acción na que participarán profesionais da enoloxía, historia, arqueoloxía, xeografía, antropoloxía así como xornalistas de toda a xeografía española, procura analizar e promocionar a relevancia que a cultura do viño tivo e mantén nas diferentes manifestacións do Camiño de Santiago. 

Segundo Juan M. Casares, presidente do CRDO e da Ruta do Viño Ribeiro, “estas xornadas teñen como obxectivo poñer en valor a importancia histórica que o viño do Ribeiro tivo durante séculos en Galicia así como salientar o papel económico deste produto nos tramos galegos deste traxecto de peregrinación fundamental para entendermos Galicia como feito universal.”. 

Neste sentido, Juan Casares apunta que “O Ribeiro foi o subministrador principal non só do viño que os peregrinos bebían para reconfortarse en Santiago senón tamén o que consumiron ao longo das derradeiras etapas do Camiño”. En resumen, di Juan Casares, “queremos demostrar algo que na comarca todos sabemos: que o Ribeiro foi o gran viño nacional de Galicia e un alicerce fundamental da súa economía durante séculos.” 

O Vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández, salientou a importancia destas xornadas para a posta en valor dunha comarca vitivinícola histórica e dos seus recursos enoturísticos. 

Tamén lembrou Rosendo Fernández a campaña “Ruta do Viño do Ribeiro. O Camiño do viño” na que catro institucións como o CRDO Ribeiro o Xeodestino O Ribeiro-Carballiño, a Ruta do viño do Ribeiro e a Deputación Provincial de Ourense, “cooperan para facer unha fronte común que aposte decididamente por potenciar o territorio do Ribeiro; revitalizar unha comarca vitivinícola histórica e potenciala coma destino enoturístico. Para iso estase a poñer en valor o territorio, a paisaxe, os recursos arquitectónicos culturais e outros coma o termalismo, utilizando o viño Ribeiro e a riqueza da súa historia como fíos condutores.” 

Esta acción conta ademais coa colaboración das Asociacións de Lagares Rupestres de Portugal e de España; a Asociación de Sumilleres de Galicia (Gallaecia); o Museo do Viño de Galicia e os Concellos de Ribadavia e de Castrelo de Miño. 

Durante tres días profesionais de toda a península participarán nunhas intensas xornadas formativas e de divulgación no corazón de Galicia nun dos seus centros históricos de produción e comercialización de viño: O Ribeiro. A este respecto o recentemente inaugurado Museo do Viño de Galicia acollerá a este grupo de especialistas na historia do viño para poñer de manifesto a súa relevancia no Camiño de Santiago. 

O programa das xornadas prevé abordar diferentes formatos de divulgación, xa que o grupo de participantes terá a oportunidade de coñecer os diferentes recursos turísticos, históricos e culturais da Ruta do Viño en particular e do Ribeiro en xeral. 

O programa (que se xunta) inclúe tres sesións técnicas nas que se expoñerán unha serie de ponencias sobre distintos aspectos do papel do viño no Camiño de Santiago e as súas pegadas desde os puntos de vista arqueolóxico, histórico, e etnolóxico e etnográfico. É importante salientar que o profesor Jose Luis Sobrado disertará sobre o Camiño dos Arrieiros, un traxecto económico que ligaba ao Ribeiro con Santiago de Compostela e Pontevedra como puntos fundamentais para o consumo e difusión deste produto por toda Galicia e para a súa internacionalización. 

O consello Regulador da D.O Ribeiro e a Ruta do Viño reforzan a súa colaboración para a mellora da promoción e a difusión do territorio como un destino referente na cultura do viño. 

PROGRAMA DO SIMPOSIUM “A PEGADA HISTÓRICA DO VIÑO NO CAMIÑO DE SANTIAGO” 

Venres 6 de setembro 

17.00h.- Chegada de participantes. 

18.00h.- Visita guiada ao Castro de Lansbrica (Castro de San Cibrao de Las) e ao Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa. O maior asentamento castrexo de Galicia. 

20.30h.- Balneario de Laias. Benvida do presidente do C.R.D.O. Ribeiro e da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara. I Sesión técnica: Asemblea Xeral da Asociación Hispano-Lusa de Lagares Rupestres. 

22.00h.- Cea 

Sábado 7 de setembro
10.00h.- Visita ao Museo do Viño de Galicia. 

Ruta polos Lagares Rupestres de Carballeda de Avia. 

11.30h.- Visita ao Lagar Rupestre de Arnoia 

13.00h.- Astariz (Castrelo de Miño). Visita guiada ao Lagar Rupestre A Campaza no Castro de Santa Lucía, xacemento arqueolóxico con Lagar Rupestre Romano datado do século II 

Brinde polo Ribeiro coa presenza do presidente do C.R.D.O. Ribeiro e da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara. 

16.45h.- Recepción oficial: contaremos coa presencia de representantes da Xunta de Galicia e do Presidente del C.R.D.O. Ribeiro e da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara. 

17.00h.- II sesión técnica: Ponencias dos Camiños de Santiago. Con libre asistencia de público. Museo do Viño de Galicia 

1. Luis Vicente Elias – Las Prensas Místicas (Doctor en Antropología) 

2. Eugenio Monesma – El Vino en los Caminos de santiago del norte de Aragón (Realizador de Cine Etnográfico 

3. Joaquín Berrocal – Paisajes del Vino en el camino de Santiago del Sur Salamantino (Licenciado en Geografía e Historia) 

4. José Luis Sobrado – O Camiño dos Arrieros (Historiador) 

19.00h.- III Sesión técnica: Mesa redonda sobre o valor patrimonial, de identidade e turístico dos elementos, espazos e paisaxes do viño nos Camiños de Santiago 

1. Javier Pérez Andrés – moderador (Xornalista de Castilla León) 

2. Mª Asunción Martínez (Doctora en Arqueoloxía - Museóloga - Especialista en arqueoloxía do Viño) 

3. Julio Grande (Licenciado en Humanidades - Director do proxecto Petra) 

4. Cesar Llana (Doutor en arqueología – Museólogo). Director do Museo do Viño de Galicia. 

20.00h.- Túnel do viño da D.O. Ribeiro. 

Domingo 08 de setembro 

09.30h.- Visita A Granxa do Outeiro en Francelos , bodega histórica do século XV 

10.30h.- Visitas guiadas ao conxunto monumental Castelo de Ribadavia e barrio xudeo. 

12.30h.- Cata de uvas da D.O. Ribeiro. Imparte Nuria Álvarez, directora técnica D.O. Ribeiro 

17.30h.- Fin das xornadas