Proxecto Xacobeo Autismo. Un camino de todos

Beneficiario do programa O teu Xacobeo e impulsado pola Xunta o proxecto Xacobeo Autismo. Un camino de todos, é unha acción coordinada pola Fundación Menela, a través da cal persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) poderán realizar sete etapas do Camiño Portugués da costa. Foi presentado polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, coa presenza do director xeral da Fundación Menela, Cipriano Luís Jiménez, e do alcalde da localidade, Juan González. 

En cada unha das sete etapas das que consta a acción, que comezará o 17 de setembro, o proxecto invitará a centros educativos e colectivos sociais dos concellos polos que pasarán os peregrinos a sumarse á iniciativa. Ademais farase un estudo da accesibilidade cognitiva das casas consistoriais dos tramos polos que discorrerá Xacobeo Autismo e, en caso de ser necesario, mellorarase a súa sinalización con pictogramas. 

As etapas de Xacobeo Autismo arrancarán na Guarda ata Portocelo, continuarán por Oia, Mougás, Cabo Silleiro, Baiona, A Ramallosa e rematarán en Nigrán o día 11 de outubro. 

No final de cada unha das etapas, establecerase un punto informativo sobre o Trastorno do Espectro Autista e sobre os servizos, programas e axudas que existen para mellorar a vida destas persoas e as súas familias.

O teu Xacobeo programa máis de 350 proxectos vinculados ao Camiño de Santiago que fomentan aspectos sociais, culturais, deportivos, patrimoniais e gastronómicos. Máis dun centenar de concellos acollen as accións programadas. Esta convocatoria de proxectos ten como fin implicar á sociedade no impulso e programación do vindeiro Ano Santo, así como a súa descentralización por todo o territorio. A convocatoria de axudas espertou un grande interese por parte dos galegos de xeito que a Xunta recibiu 652 solicitudes. Dado o éxito da proposta, o Goberno autonómico decidiu aumentar os 2 millóns de euros iniciais a un total de 4,7.