Preséntase o 28º FIOT baixo o apelativo Atreverse a mirar!

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo presentou a programación da súa vixésimo oitava edición, que do 27 de setembro ao 1 de novembro exhibirá 39 espectáculos galegos e de fóra de Galicia, e desenvolverá unha morea de actividades paralelas arredor de todos os ámbitos das artes escénicas. A Xunta de Galicia apoia economicamente o encontro cunha dotación de 50.000 euros outorgada a través da convocatoria de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais profesionais. 

Baixo o apelativo Atreverse a mirar!, o programa do 28º FIOT propón unha carteleira aínda máis aberta e inclusiva, na que os organizadores inciden na necesaria complicidade dun público que adopte unha actitude aberta e curiosa cara ao traballo teatral que se leva a cabo dentro e fóra dos escenarios, tanto por profesionais como por colectivos emerxentes, afeccionados ou de fins sociais.

A carteleira, que inclúe a estrea de 17 espectáculos (nove absolutas e oito en Galicia), dará comezo o 27 de setembro na praza do Concello cos malabares da compañía galega Xampatito Pato (Jesús Velasco) e continuará ao longo de 35 días en distintos espazos escénicos, rúas, recintos municipais e establecementos da vila. Entre os nomes de directores galegos destacados deste ano figuran Quico Cadaval, Cándido Pazó ou Tito Asorey, que compartirán protagonismo con, por exemplo, Miguel del Arco, Jordi Casasnovas, Carolina Román, Álvaro Tato, Lucía Miranda, Guillem Clua, José Padilla, Josep María Mestres, Daniel J. Meyer ou Montse Rodríguez Clusella.

O festival levará a cabo novas entregas das súas seccións habituais, como Sesións do Mercado, Rúa dos Contos, Escola do Espectador, Fiotiño, Fioteen, Zoom FIOT, Obxecto Teatral Non Identificado (OTNI), Miradas FIOT e Café con..., ademais de convocar o III Certame de Microescenas Metro Cadrado.

Como actividades especiais deste ano figuran a xornada Escena Norte Idea Carballo e unha experiencia colectiva de creación express (ambas no marco do programa interautonómico apoiado pola Xunta Camiño Escena Norte) e a exposición 30 anos do Teatro do Morcego, en homenaxe ao actor e director Celso Parada, falecido o pasado agosto.