
Tras a celebración da Feira Franca como punto
final, a concelleira anunciou que cara a fin de mes se elaborará un informe que recolla o
retorno económico que as máis de 300 actividades programadas supuxeron para os
diferentes sectores da cidade.
En todo caso, Carme da Silva asegurou que "se cumpriron
os obxectivos que se perseguían cando se fixo a programación" e cualificou esta edición
das festas como "un verán espléndido".
Carme da Silva aproveitou para felicitar á sociedade de Pontevedra pola participación e
boa acollida ás miles de persoas que acudiron á cidade, asegurando que "esta fin de
semana, a Feira Franca foi un exemplo de festa, que se desenvolve no espazo público,
en convivencia e con moi bo ambiente", e salientou a ausencia de incidencias
destacables.
Sobre a Feira Franca indicou que "o grande reto é manter o nivel e a calidade, e estamos
traballando xa en ideas para ampliar a programación". Neste sentido, adiantou que "unha
vez recuperada a ponte do Burgo, o ano que vén xa estará en condicións, tanto a ponte
como a contorna, de incorporarse e de formar parte da programación da Feira Franca".
A
incorporación deste espazo na vindeira edición permitirá poñer en valor o papel que tivo "o peirao medieval no comercio e no tránsito de mercadorías", segundo explicou a
concelleira, o que vai na liña da filosofía histórica da propia Feira Franca.