"O teu Xacobeo" sementa actividades pola provincia de Lugo

A provincia de Lugo acolle máis de medio cento de actividades englobadas dentro do programa "O teu Xacobeo", co obxectivo de difundir a Galicia Xacobea a través da arte, da música, da celebración de conferencias ou de obradoiros vinculados ao Camiño. 

As actividades son moi diversas, van dende as proxeccións de cine ao aire libre que tiveron lugar na Pobra do Brollón durante este mes de agosto á primeira Festa do peregrino organizada por Triacastela en xullo, pasando polas rutas historiadas que organizan os concellos como Trabada ou Castroverde. 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou os pormenores do programa no que respecta á provincia de Lugo e destacou que as iniciativas subvencionadas contan cunha achega autonómica global de 531.000 euros, que permitirán mobilizar investimentos por valor de preto dun millón de euros ao longo deste ano e durante o 2020.

“A iniciativa da Xunta nace co obxectivo de achegar esta celebración a todos os concellos, formen parte ou non da ruta Xacobea. Trátase da primeira vez que o Goberno galego pon en marcha un proxecto feito coa implicación de toda sociedade galega, baseado polo tanto nas ideas de participación e a descentralización”, dixo Balseiro.

O programa “O teu Xacobeo” divídese en tres liñas de axudas, segundo estiveran propostas por concellos, empresas privadas e entidades sen ánimo de lucro. Espallaranse por toda a xeografía lucense difundindo os valores do Camiño de Santiago.

No caso da primeira liña de axudas, destinada a proxectos formulados por entidades locais, na provincia de Lugo “O teu Xacobeo” apoiará un total de 18 proxectos en 14 municipios, que contan cun investimento de preto de 275.000 euros.

A segunda das liñas, a dirixida a entidades privadas, favorecerá na provincia de Lugo a posta en marcha de 10 propostas por pemes e particulares en 4 municipios, nas que se investirán 321.000 euros. Son proxectos centrados no turismo, como rutas, xornadas de divulgación cultural, paradas turísticas ou propostas enogastronómicas.

Por último, a terceira das liñas permitirá que boten andar 24 iniciativas de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro que contan cun orzamento de 357.000 euros.

Entre elas atópanse moitas propostas no ámbito deportivo, como o campionato de xadrez que organiza o Círculo Recreativo chantadino. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre, como camiñadas, rutas organizadas ou contacontos; iniciativas de inclusión, como a promovida por Down Lugo; e tamén gastronómicas, como o proxecto impulsado por Anfaco, no que os camiñantes selarán unha acreditación en distintas localidades do Camiño Francés onde se degustarán produtos en conserva galegos.