
Nesta reunión, na que tamén estivo presente o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), ente responsable de xestionar estas achegas europeas, Miguel Pérez Dubois, valorouse o éxito deste programa que logra desenvolver o rural desde perspectivas como o turismo, a formación, os servizos sociais, o apoio ao patrimonio, etc. Isto é así, segundo explicou o conselleiro, grazas ao importante orzamento que se inviste nel.
Así, cabe recordar que a convocatoria de 2017, a primeira do novo programa Leader 2014-2020, tiña un orzamento asignado para as axudas superior aos 18 millóns, o que supuxo un investimento inducido de case 45 millóns de euros nas contornas rurais de toda Galicia grazas a 399 proxectos executados a través destas achegas. A estas cifras hai que sumar, explicou José González, outras 371 iniciativas correspondentes coa seguinte convocatoria, a de 2018, cun orzamento asignado superior aos 19 millóns de euros e que supuxeron un investimento inducido de máis de 41,5 millóns de euros.
Con estas cifras sobre a mesa, o titular de Medio Rural, destacou que en só dous anos o Leader posibilitou investimentos por valor de 86,6 millóns de euros en Galicia. No que respecta á presente convocatoria 2019, están previstas achegas por valor de 16,5 millóns de euros.
Segundo os datos analizados no encontro, a medida Leader actual conta xa cunha execución dun 90%, algo que valorou positivamente o conselleiro, que ademais aproveitou para felicitar aos grupos pola súa implicación neste programa. José González destacou a transversalidade deste plan e a diversidade de proxectos que se aproban. “Falamos de pequenos proxectos de inversión de pequenas empresas e de iniciativas de entidades sen ánimo lucro ou de concellos que de media reciben uns 50.000 euros de axuda”, declarou o responsable autonómico, polo que as achegas están moi repartidas.