O Miradoiro do Duque duplica a súa superficie

O miradoiro do Duque, situado no alto da Ribeira de Lemos, ampliou a súa superficie de 35,8 metros cadrados a 78, incluíndo unha nova área en voladizo para abarcar máis vistas sobre o Sil e permitir a máis xente gozar cómodamente desta vista privilexiada da Ribeira Sacra. 

Paralelamente, tamén se instalou un banco e un panel informativo nunha remodelación que foi visitada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e polo alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé. 

Balseiro salientou que os traballos “incrementan o atractivo turístico deste elemento, que ofrece unha panorámica sobre a viticultura heroica e a natureza da Ribeira Sacra”. Neste sentido, lembrou a necesidade de apuntalar este tipo de recursos, que poñen en valor o potencial paisaxístico desta zona, de cara á súa candidatura como Patrimonio da Humanidade.

A actuación foi promovida polo concello e cofinanciada pola Xunta. Por unha banda, a Consellería do Medio Rural sufragou o 83,7% das obras de reforma achegando 58.700 euros a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra; por outro lado, Turismo de Galicia destinou 9.100 euros a asumir o 65% do custo dun proxecto de sinalización do miradoiro e outros recursos turísticos urbanos de Monforte de Lemos.