O festival Curtocircuíto volve coa súa edición máis atrevida

Dende o vindeiro 28 de setembro ata o 6 de outubro Santiago acollerá a 16ª edición do Festival Internacional de Cine Curtocircuíto, que mantén a súa aposta por traer a Galicia grandes nomes ao lado de novas figuras do cinema e a cultura visual contemporáneas, nun programa sempre comprometido coa calidade artística, as últimas tendencias cinematográficas, a interdisciplinariedade e o seu carácter gamberro pero rigoroso. 

Na presentación do festival o seu director, Pela del Álamo, detallou o contido da sección oficial e os diferentes focos, que deixan ver o lado máis internacional de Curtocircuíto. As retrospectivas desta edición traerán a Santiago a figuras coma o cineasta e teórico austríaco Peter Tscherkassky , a quen o festival lle dedicará unha retrospectiva que se proxectará integramente en celuloide; ao fotógrafo e ensaísta Joan Fontcuberta, quen programará unha Carta Branca e impartirá unha clase maxistral; e á artista e cineasta franco-colombiana Laura Huertas Millán, quen protagonizará a sección Púlsar para revisar a obra completa desta creadora nun dos primeiros focos que se realizan en España sobre o seu traballo.

A heteroxeneidade e a novidade serán ademais os aspectos predominantes dos máis de 130 filmes que compoñen a programación cinematográfica do festival, cunha Sección Oficial que aglutinará en Radar e Explora 38 películas de 22 países. Este ano, a sección reúne unha serie de filmes que apostan pola creación de novas realidades visuais que exceden ao propio cinema, e que reflexionan sobre grandes conceptos como o feminismo ou o colonialismo. Sumadas ás outras seccións competitivas –Penínsulas e Planeta GZ-, Curtocircuíto 2019 terá un total de 57 filmes a competición, dos cales 34 son estreas en Galicia ou España.

Alén disto, o festival deseñou para esta edición varias sesión especiais: Kevin B. Lee x Harun Farocki, que combina os ensaios en vídeo do propio Kevin B. Lee con obras clave que abarcan a carreira de cinco décadas de Farocki; Filmmakers x Filmmakers, un espazo para o comentario, a análise e a reflexión da obra de autores consagrados vistos polos seus colegas de profesión; e Carole Roussopoulos: a cámara como signo de loita, un foco que, no décimo aniversario do seu pasamento, celebrará a herdanza da cineasta cunha coidada selección da súa extensa obra.

A atención ás novas tendencias internacionais terá o seu necesario balance coa posta en valor do cinema galego e a identidade e memoria da cidade. Deste xeito, o festival artella gran parte das súas seccións arredor da produción cinematográfica que nos toca máis de preto. Mentres que Curmaos, organizada en colaboración co Instituto Camões, recolle filmes da lusofonía coa finalidade de potenciar a fraternidade entre Galicia e Portugal e ratificar a fortaleza da Euro-rexión Atlántica en materia cultural; na sección competitiva Planeta GZ séguese apostando por unha visión crítica da realidade que atopa na experimentación novos camiños para expresarse; o fotógrafo vigués Nacho Alonso será o protagonista da sección Terra, o espazo do festival reservado para poñer o valor dunha figura galega de prestixio; e finalmente Supernova volverá acoller as primeiras obras de dez creadores e creadoras do país.