Novas rutas de ViñoBus do Ribeiro en setembro

Póñense en marcha novas rutas de ViñoBus de Ruta do Viño do Ribeiro, para complementar a oferta enoturística durante o mes de setembro, coincidindo coa actividade da vendima, centradas na promoción dos recursos patrimoniais e da cultura do viño.

As rutas propostas este ano están centrada na temática da historia e comezarán o día 14 de setembro, ás 9.15 horas, cun autobús que partirá da cidade de Santiago de Compostela para percorrer a pegada histórica que as ordes monacais deixaron neste territorio, a través da produción e comercialización do viño do Ribeiro. Nesta ruta, os visitantes terán a oportunidade de gozar da visita ao Mosteiro de San Clodio e o Museo do Viño de Galicia, así como adegas socias da Ruta do Viño como Viña Costeira, Cuñas Davia ou Licores os Maios. 

O día 21 de setembro, a temática do viñobus procedente de Vigo xirará en torno á cultura Castrexa, incluíndo na ruta visitas ao Castro de Santa Lucía en Castrelo de Miño ou o Castro de San Cibrao de Las, ademais de adegas como Celme, Pousadorio ou Leive Ecoadega. 

O último viñobus desta tempada, que partirá da cidade de Ourense o día 28 de setembro ofrecerá un percorrido polo Esplendor dos Pazos para descubrir as grandes xoias da arquitectura barroca situadas na parroquia de Pazos de Arenteiro, declarado conxunto histórico artístico. Complementarase esta visita coas adegas de Pazo Tizón, Terra do Castelo e Priorato de Razamonde. 

Tódalas rutas disporán de servizo de guía turístico. O custe das entradas é de 15 euros e están á venta no portal de ataquilla.com, ou na Sede Afundación das cidades de Santiago de Compostela, Vigo e Ourense.

A Deputación de Ourense colabora con esta proposta que este ano ten un marcado carácter de promoción “dos valores patrimoniais do Ribeiro, un territorio no que a cultura do viño deixou unha profunda pegada material e inmaterial”, lembrou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández. Así mesmo, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, dixo que a xunta de Galicia continuará a colaborar “para poñer en valor os nosos recursos turísticos e o sector vitivinícola que ten un peso crecente na nosa economía galega grazas ás cinco Denominacións de Orixe e ás catro Indicacións Xeográficas Protexidas, que abarcan máis de 450 adegas, máis de 13.000 viticultores e que xera un valor anual de 200 millóns de euros”. 

Pola súa parte, o presidente do Xeodestino Ribeiro – Carballiño Francisco José Fernández destacou a importancia da cooperación entre estas cinco entidades para “establecer unha estratexia conxunta e poñer en marcha un plan ambicioso de actividades para desenvolvela”. Esta estratexia – engadiu o presidente do Xeodestino Ribeiro – Carballiño, ten como obxectivo “revitalizar unha comarca vitivinícola histórica e potenciala como destino enoturístico, poñendo en valor o territorio, a paisaxe, os recursos culturais e patrimoniais, e o termalismo”. 

Neste mesmo sentido, o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares explicou que é “o segundo ano que se fai esta actividade coa novidade de tematizar as rutas cos tres grandes momentos da historia milenaria do Ribeiro: a época castrexa romana, a época das grandes ordes monacais, e a época do esplendor dos Pazos, a gran eclosión económica do Ribeiro”.