Nova edición da Festa da Queima das Fachas

A Deputada de Turismo, Pilar García Porto, xunto ao Alcalde de Taboada, Ramiro Moure, o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro Orol, e o Presidente da Asociación Cultural as Fachas, Manuel Fidalgo, presentaron este mércores na Escola de Castelo, no municipio taboadés, a Festa da Queima das Fachas, que se celebrará entre o vindeiro sábado e o luns. A Deputación colabora con este evento cunha achega económica de 3.000 euros.

García Porto sinalou que é unha cita cultural “que permite manter viva unha tradición importante, non só polo que representa a nivel cultural, que o ten, senón a nivel etnográfico. Unha tradición importante para a contorna, pero tamén para toda Galicia, porque quedan moi poucas celebracións destas características”. “Este tipo de eventos dinamizan social e economicamente a comarca”, subliñou. 

Trátase dunha festa de tradición celta, que se mantivo durante a época romana, ata o punto de sobrevivir ata os nosos días. Asistir á Queima das Fachas, declarada de Festa de Interese Turístico de Galicia, é unha viaxe á cultura galega máis ancestral. Na festa quéimanse arredor dunha trintena de fachas encima do castro.

Programación 
Sábado 7: 
21:00 horas: dará comezo a festa cunha gran pulpada, amenizada por un grupo de gaitas.
23:30 horas: terá lugar a tradicional Queima das Fachas. A noite culminará coa celebración dunha gran verbena. 

Domingo 8: 
13:30 horas: oficiarase a misa solemne en honor a Santa María, continuada da sesión vermú. 
A noite estará animada por actuacións musicais.

Luns 9: 
13:30 horas: misa solemne e sesión vermú, coa animación de actuacións musicais.