Nace un novo evento para revalorizar a economía e a cultura do rural

Entre o 22 e o 28 de Setembro Santiago acollerá a primeira edición do Foro Internacional da Economía e Cultura Rural (FICRURAL), que nace co obxectivo de recuperar, divulgar e dinamizar económicamente o patrimonio material e inmaterial do rural de Compostela, da comarca e da provincia da Coruña, convertendo Santiago nun referente  na promoción da actividade económica rural e da súa simbiose cos espazos urbanos. 

Durante a presentación do evento o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou a idoneidade como sede deste evento de Compostela, por ser "unha cidade moi rural, que conta cuns 180 quilómetros cadrados de rural, 21 parroquias e 16.000 habitantes neste ámbito. Ademais, expresou a necesidade de "por en valor o rural" e de considerar este como "espazo de futuro e desenvolvemento de Galicia".

Tamén a esta aposta por "recuperar o potencial que ten o noso rural" se referiu o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, quen valorou o FICRURAL como unha oportunidade para mostrar "a capacidade e talento que temos no rural galego". "É necesario dar a coñecer esa realidade, coñecernos e autoconvencernos da capacidade do rural para desenvolver economicamente e socialmente o país", dixo.

Finalmente o organizador do Foro, Aser Álvarez, cualificou o FICRURAL, como un "evento moi necesario", porque "están acontecendo cousas moi interesantes no rural de Galicia". Do mesmo, xeito, reiterou a importancia do evento como "foro de intercambio e cooperación" e para constatar que o rural é "un lugar para vivir e producir". Álvarez foi o encargado de detallar a programación e tamén de anunciar unha das sorpresas do Foro, a presencia no programa lúdico dos Inmaculate Fools.

Programa

O FICRURAL arrincará o domingo 22 co pregón no CSC da Gracia, continuando as actividades de luns a mércores en diferentes espazos de Compostela. Será a partir do xoves 26 e ata o sábado 28 cando se celebre o I Foro Internacional da Economía e Cultura Rural na Fundación Laboral da Construción. Durante este tres días terán lugar as actividades principais do FIC, con proxeccións, feira, coloquios e debates, a V edición do Festival de Cinema Rural Carlos Velo e o espazo para o lecer, con concertos e sesión vermú.

Como adianto, nas fins de semana do 14 e 15 e 21 e 22 de setembro, desenvolverase o programa Coñece o rural, unha serie de andainas a pé e paseos en bicicleta para coñecer as parroquias do rural de Compostela. A participación é de balde e para todos os públicos, como en todas as actividades deste FICRURAL.