Música e viño para conectar peregrinos e veciños

As persoas que peregrinan polos camiños de Santiago dende o sur terán unha oportunidade de ouro para conectar cos veciños de A Garda, Redondela e Tui a través da iniciativa "Música e viño no teu camiño", organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural no contexto do programa O teu Xacobeo. 

Serán tres eventos musicais onde os asistentes poderán degustar viños con denominación de orixe Rías Baixas, da subárea do Rosal, e gozar da gastronomía local a prezos populares. O primeiro será o vindeiro 4 de outubro, en Redondela; o seguinte o 12 de outubro, en A Garda, e o terceiro o 19 de outubro en Tui.

O proxecto busca tamén a implicación da cidadanía en toda a iniciativa. Por este motivo, abriuse unha fase de votación popular na que foron as persoas do territorio no que se desenvolve a acción, as encargadas de escoller o logo distintivo do proxecto.

Paralelamente, este outono organizaranse outras citas musicais con concertos vinculados ao Camiño, como os coordinados pola Fundación Vicente Risco en torno á gaita como instrumento de música de cámara e que terá unha cita a a finais de mes, o 27, en Celanova e o 28 en Allariz.

Tamén terá lugar en próximas datas o Festival Vertixe Sonora que arrancará cos concertos En Ruta, creacións musicais contemporáneas no Camiño Portugués, o vindeiro 29 de setembro, en Tui; e a Banda de Música de o Barco, xunto o contador de historias Eladio Santos Martínez, co Sons da Banda no Camiño do Inverno, que estará en Vilamartín de Valdeorras, o vindeiro 28 de setembro. Tamén se está a desenvolver Camiño de cantares, coordinado pola Asociación Ciclo de Música Barcia de Mera, con concertos de músicas relixiosas en Portomarín o 14 de setembro, en Fisterra o 15, en Negreira o 11 de outubro e no Saviñao, o 13 de outubro.