Monforte aborda as fortalezas do Camiño de Inverno

Esta fin de semana Monforte de Lemos acolleu a XVI edición das Xornadas Científicas do Camiño de Inverno, onde arredor de 250 persoas asistiron a conferencias combinadas con visitas guiadas e concertos. 

Como un dos pratos fortes deste ano, a catedrática de historia da arte da Universidade de Santiago, Ana Goy, ofreceu unha conferencia sobre a busca do valor universal excepcional da Ribeira Sacra. Igualmente interesante foi a charla que ofreceu o exconselleiro Víctor Vázquez Portomeñe, que analizou o valor inmaterial dos camiños de Santiago. 

Na parte da música, as xornadas incluíron concertos como o de Efraim Díaz, profesor da escola municipal de música de Lugo sobre O pito pastoril galego e as súas diferenzas fronte outros instrumentos de vento; ou o do músico Xosé Incio, que ofreceu unha charla sobre o patrimonio inmaterial das regueifas –cancións entre dúas o máis persoas co emprego da burla– cun concerto de zanfona.

Segundo Aída Menéndez, presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, entidade coordinadora do proxecto, “as xornadas foron un éxito de participación polo tema tratado e polo feito de combinar partes máis científicas con outras musicais e visitas guiadas. É imprescindible recuperar estas lendas e cantos dos nosos devanceiros que nos unen a todos ao carón do Camiño”. 

Na inauguración das xornadas participou o presidente da Deputación de Lugo, Xosé Tomé, que aproveitou para resaltar o potencial turístico da Ribeira Sacra. Na clausura estivo presente a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que salientou a importancia de foros como este que permiten debater e reflexionar sobre un itinerario que, como o Camiño de Inverno, está a contribuír tamén a dinamizar as economías locais.