Mondoñedo presenta as San Lucas máis internacionais

Mondoñedo prepara a 863 edición das San Lucas de Mondoñedo, que pretende manter o espíritu tradicional coa feira cabalar e o mercado de produtos de outono, complementando o programa con actividades culturais, literarias e musicais.

A gran novidade desta edición será un Festival Intercéltico no que actuarán Gwendal, Lúnasa, Bras Rodrigo e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. Segundo o presidente da Asociación As San Lucas Miguel Souto, o obxectivo é facer "das San Lucas, de Mondoñedo e da provincia, unha feira máis europea, máis atlántica e máis internacional con este encontro de músicas e tradicións das nacións celtas”.

A feira, que terá como pregoeiro ao dramaturgo e actor Manuel Lourenzo, comezará o 17 de outubro coa chegada das reses á cidade a través da Praza da Catedral, “un feito singular e único que cada ano concita a máis público e que supón tamén unha homenaxe aos gandeiros que están todo o ano coidándoas e facendo unha importante labor medioambiental”, segundo destacou Souto.

A Vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, remarcou que “é obriga das administracións colaborar con estas festas tradicionais que mostran a nosa esencia como pobo”.

Na presentación do evento tamén participaron a deputada de Medio Rural,Mar e Mocidade, a mariñá Mónica Freire, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia. No Salón de Actos da Deputación tamén estiveron Eloi Cabanas e Esperanza González, voceiros de BNG e PsdeG no concello de Mondoñedo e mais o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa.