Máis de 4.000 "veciños" lucenses reuniranse este domingo para xantar

O Pazo de Feiras de Lugo acollerá este domingo a 18ª edición do Día do Veciño, un xantar popular no que máis de 4.000 persoas se reunirán para degustar un menú a base de produtos lucenses como pementos de Mougán, pan de Antas de Ulla, viño da Ribeira Sacra ou augardente de Portomarín. 

Tamén se entregarán os premios V de Veciños, uns galardóns cos que a Federación de Asociacións de Veciños recoñecen a labor dun total de 26 persoas que destacan por desempeñar un especial protagonista a prol da dinamización e promoción da súa comarca, e polo tanto da provincia. Neste ano serán galardoados, entre outros, o Presidente da Deputación, José Tomé; a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga; ou a asociación veciñal de Cervantes.

Paralelamente, a xornada terá outras moitas actividades complementarias. Aproveitando que esta edición está dedicada ao mundo rural, os asistentes gravarán un vídeo bailando a Rianxeira para solidarizarse cos movementos Soria Ya e Teruel Existe, que reclaman melloras para as provincias descentralizadas do país. Ademais, celebrarase un partido de fútbol con xornalistas e haberá unha exposición de preto de 50 artesáns da provincia, e diferentes grupos de música tradicional e bailes a cargo da Escola Ritmo Lugo recibirán aos asistentes. 

O evento foi presentado nun acto no que participaron a voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto; o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro; e o presidente da Federación de Asociacións de Veciños lucense, Jesús Vázquez. 
Na súa intervención, García Porto resaltou a importancia desta cita, que este ano concentrará a máis de 4.000 veciños, asegurando que “é unha oportunidade formidable para estar todos xuntos, coñecéndose e tecendo lazos, facendo provincia e facéndose, en definitiva, veciños de verdade”. 

Nese mesmo sentido, a Alcaldesa de Lugo subliñou os logros acadados polas asociacións veciñais “en materia de transporte, sanidade ou do mundo rural”. Tamén puxo o acento na relevancia dos premios V de Veciño, que se entregarán unha vez remate a comida. “Non hai maior recoñecemento que aquel que che fai quen mellor te coñece, como é este que promoven os veciños”, destacou Lara Méndez.

Pola súa banda, o presidente da Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez, aproveitou para destacar que, neste ano que o Día do Veciño “acada a maioría de idade, queremos dedicalo á defensa do mundo rural, logo de integrarnos no colectivo España Vaciada, para combater os importantes problemas demográficos da provincia”.