Lugo invítanos a coñecer mellor o noso mel

Esta fin de semana celebrarase en Lugo as II Xornadas Apícolas, gratuítas e abertas a todo o público interesado, que abordarán temáticas como a calidade do mel, os tratamentos de apicultura e a diferenza entre o noso mel e o que procede doutros países. 

As xornadas, organizadas pola asociación de apicultores lucenses, comezarán hoxe venres ás 20:00 cunha conferencia sobre como recoñecer a calidade do mel e que impartirá Maura Fernández Díaz, técnico do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia. O encontro continuará na tarde do sábado con outras dúas charlas. Ás 18:00 horas, o veterinario de Promiel Asturias, Carlos Marín, abordará os tratamentos de apicultura ofrecendo pautas sobre como, cando e por que realizalos. De seguido, ás 20:00 horas, Manuel Ferreira, da Casa do Mel Goente, explicará as diferenzas que existen entre o mel local e o que procede do estranxeiro. A asistencia a estas charlas é libre ata completar aforo.

As II Xornadas Apícolas enmárcanse na celebración da XXVII Feira do Mel de Lugo, que terá lugar na Praza da Soidade o sábado, entre as 10:00 e as 18:00 horas. Nesta edición, participarán 22 postos de apicultores que venderán diferentes tipos de mel de Galicia a un prezo de 8 euros o quilo.

A provincia de Lugo é, despois da de Ourense, a que maior número de colmeas ten en Galicia. Segundo o censo apícola de Galicia no 2018 incrementáronse o número de colmeas en todo o territorio galego pola crecente demanda de mel e produtos apícolas derivados tanto alimentarios como cosméticos. Na provincia de Lugo existen unhas 52.000 colmeas que producen cada unha entre 15 ou 20 quilos acadando así unha produción total de arredor de un millón de quilogramos de mel ao ano. No mercado véndese o quilo de mel a uns 8 euros, xerando un volume de negocio duns 8 millóns de euros na provincia.

O sector apícola está a vivir un momento de auxe e profesionalización con bos resultados a pesar dos retos que afronta como a desaparición das abellas polo cambio climático, enfermidades producidas por parásitos como a varroa ou a invasión de especies foráneas como a velutina.