HILO DIRECTO con.. Mari Carmen Sánchez, propietaria de Embutidos Suarna

Dende Embutidos Suarna foron pioneiras na recuperación da androlla, un embutido tradicional a base de costela e coiros de porco que a día de hoxe se coñece máis alá das nosas fronteiras. Falamos con Mari Carmen Sánchez, cabeza visible dunha empresa formada integramente por mulleres.

¿Como empezastedes coa produción da androlla?

Fixera o concello a festa da androlla, e resulta que non había androlla para vender, nin para degustar, nin para nada. Entón eu e o meu marido Hortensio decidimos facer algunha para poder vendelas o día da festa. E o primeiro ano xa as vendemos antes da festa. O segundo ano fixemos unha barbaridade para aquela, 50 ou 60, e tamén o mesmo. Entón xa decidimos facer un obrador e unha pequena fábrica. Eu, que nunca na vida atara un chourizo.

Pero a cousa foi indo cada vez máis para arriba...

Cantas máis androllas faciamos máis vendíamos. A xente de aquí emigrou toda para Barcelona, a maior parte adicouse á hostalería… e entón empezamos a vender moitas androllas para Barcelona, xa no las encargaban con tempo. Antes era unha cousa moi estacional, de inverno, pero agora temos androllas todo o ano. Producimos máis de 5.000 kg e máis de 6.000 kg tamén, e de aí a metade vaise para fóra, para Barcelona sobre todo.

Para quen non a coñeza, ¿como é a androlla?

É un embutido para cocer. Leva costela fresca con carne e uns poucos coiros sen graxa. Vai aliñada con sal, pimentón e allo e embutida nunha tripa natural, e despois un pouco afumada. Hai que cocela cunhas patacas e unha verdura. Tamén se lle bota ao cocido, pero cunhas patacas e unha verdura cómese perfectamente, hai moitos restaurantes que a ofrecen.

Un embutido que vós producides dende unha empresa formada por mulleres... 

Si, non sei se será casualidade ou non pero neste momento somos todo mulleres, tres das cales ademais temos xemelgos. Tamén ás veces contrato dúas ou tres mulleres temporais. E vainos moi ben, a verdade é que estou moi contenta co equipo que teño. E a partir de aí, intentando poñer a Navia no mapa. Dicíame unha señora nunha feira se vendía o produto ou vendía Navia porque eu vendo o produto e de paso mándolles vir a Navia, que é un pueblo moi bonito. Fago as dúas cousas.