Gadis, á busca do mellor entroido de Galicia

¿Cal é o mellor entroido de Galicia? Gadis busca unha resposta a esta pregunta poñendo en marcha a acción “Ou meu entroido é o mellor!”. A cadea de supermercados lanzou esta orixinal promoción convocando a todos os concellos galegos a participar e agora abre o prazo para votar entre as candidaturas presentadas. Os premios ascenden a 40.000 euros (30.000 € para o 1º e dous accésit de 5.000 euros cada un). 

O período de elección xa está aberto en www.gadis.es/entroido dende este venres 20 de setembro e finaliza o 30 de novembro. Tódalas votacións son online. As bases do concurso establecen dúas fórmulas: facilitando un mail na web, admitíndose unicamente un voto por cada correo electrónico. A segunda opción é por tickets de compra superiores a 10 euros nos Supermercados Gadis. Introducindo o número do ticket na web poderase emitir un voto. 

Cada unha das candidaturas atópase na web www.gadis.es/entroido, un percorrido virtual polas celebracións de anos precedentes en diferentes puntos da xeografía galega participantes no concurso, que servirá para que o público decida o seu voto. 

O arraigamento do Entroido como unha das manifestacións culturais e festivas máis importantes é unha das claves polas que Gadis decidiu lanzar este concurso, ratificando o seu compromiso coas tradicións de Galicia. A cadea de supermercados tamén pon en valor a gastronomía galega con “Ou meu entroido é o mellor!”, que se fai extensible á estreita colaboración con máis de 900 produtores de proximidade. 

A presenza de produtos de orixe autóctona nas mesas das familias galegas cobra unha especial relevancia durante o Entroido. Os Supermercados Gadis ofrecen unha completa variedade para elaborar os menús típicos, o tradicional cocido galego con grelos, repolo, patacas, legumes como os garavanzos ou as fabas e a mellor carne de porco: lacón, costela, cacheira e chourizos son protagonistas. E os ingredientes para preparar as sobremesas máis afamadas nesas datas: orellas, filloas e rosquillas. 

O impulso de Gadis ás tradicións culturais e sociais de Galicia tradúcese ao longo do ano na súa colaboración con Concellos, asociacións, centros educativos e eventos gastronómicos como a Feira do Cocido de Lalín, a Festa Choqueira da Coruña ou a Festa da Filloa de Lestedo.