A Xunta de Galicia celebra hoxe a primeira proba dos
exames para a obtención da habilitación de guías de turismo especializados en
Galicia. A convocatoria chega despois de ter aberto o pasado mes de maio o
prazo para presentar a documentación correspondente, resultando máis de 260 as
persoas admitidas para facer estas probas.
Este primeiro exame realizarase na Escola Galega de Administración
Pública e consistirá nun cuestionario de preguntas tipo test sobre un temario
referido á xeografía, historia e cultura galegas, así como a itinerarios e
recursos turísticos na Comunidade ou sobre lexislación. Será unha proba
eliminatoria que durará 90 minutos.
Os candidatos que aproben este exame, serán convocados en vindeiras datas
para as seguintes probas, no caso de estar na obriga de facelas. De feito, os
que optan a conseguir a súa habilitación por primeira vez poderán estar exentos
da segunda proba –que consistirá nunha tradución galego-castelán e viceversa–
se no momento de presentar a documentación para optar aos exames presentaron o
certificado Celga 4 ou equivalente e, no caso de estranxeiros, copia do diploma
de español de, como mínimo, nivel B2. Para a exención do terceiro exercicio
deberan presentar a certificación expedida polo organismo competente nun nivel
de coñecemento, como mínimo, ao nivel B2 dese idioma estranxeiro.
Os profesionais con habilitación en vigor como guías de turismo de
Galicia que queiran ser habilitados para outros idiomas distintos aos que
consten nela non terán que presentarse á proba de mañá e serán convocados nas próximas
datas para superar as correspondentes probas do idioma para o que tivesen
solicitado a ampliación. A listaxe de
persoas admitidas e excluídas para a primeira proba e os detalles da
convocatoria están dispoñibles en www.turismo.gal,
no taboleiro de anuncios da Axencia Turismo de Galicia, en Santiago de
Compostela, e nos departamentos territoriais da Xunta de Galicia.
Con esta nova convocatoria de exames, a Consellería de Cultura e Turismo
dá resposta ao seu compromiso, recollido na Estratexia de Turismo de Galicia
2020, de velar pola profesionalización no eido turístico e pola calidade na
atención aos viaxeiros. As persoas que superen as probas uniranse aos máis de
700 profesionais que contan coa habilitación de guías de turismo especializados
en turismo de Galicia.