Santiago de Composteloa reiniou aos entroidos galegos esta fin de semana, cun desfile con máis de 300 participantes polas rúas do casco vello no que se puxo de manifesto a autenticidade, variedade e riqueza desta tradición.
Na edición deste ano participaron entroidos recoñecidos como festa de Interese Turístico como o de Xinzo de Limia, coas pantallas, que se estreaban neste desfile sendo o primeiro ano que participan en Santiago tras o recoñecemento de Interese Turístico Internacional. Tamén participaron representantes de Verín, cos cigarróns, que conta coa declaración como festa de Interese Turístico Nacional, mentres que outros sete son de Interese Turístico de Galicia. Trátase de Viana do Bolo, cos boteiros e folións; Cobres, coas madamas e galáns; os Xenerais da Ulla (que abarca nove concellos da contorna da capital galega: A Estrada, Boqueixón, Padrón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces); e Vilariño de Conso, cos boteiros.
Tamén acudiron oito carnavais convidados especiais nesta ocasión: o Entroido Ribeirao de Chantada, cos volantes; as Bonitas de Sande (Cartelle), os Vellaróns de Riós, os Vergalleiros de Sarreaus, os Galos da Mezquita (A Merca) e o Entroido de San Mamede (Paderne), así como o Entroido de Lobios e o de Entrimo.
A Xunta vén organizando nos últimos anos esta promoción, co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor unha das riquezas do patrimonio etnográfico da Comunidade e amosar aos milleiros de turistas a variedade desta xenuína tradición, animándoos a coñecela no inverno. Impúlsase así aqueles valores que mellor identifican a Galicia, entre os que se atopan os entroidos pola súa autenticidade e trabállase para recibir viaxeiros durante todo o ano, facendo que a temporada media e baixa sexa cada vez máis importante.