A deputación da Coruña quere resucitar as Torres de Altamira

A Deputación de Coruña acaba de manifestar a súa intención de someter a unha acción integral sobre as Torres de Altamira, Ben de Interés Cultural situado no concello de Brión, que pasará pola súa mellora, acondicionamento, posta en valor e busca de novos usos. 

Pretende revolorizarse unha construcción elevada no século IX sobre o que foi un castro celta, derrubada no século XIV e levantada de novo en 1471. A edificación chegou a contar con seis torres e unha muralla rodeando un suntuoso pazo, ao que se incorporou no fin do século XVI por encargo do V Conde de Altamira a a capela dos Reis Magos, onde eran soterrados en panteóns os nobres propietarios. A partir do século XVII, os condes deixaron de habitar o castelo.

Posibelmente un incendio no século XVIII contribuíria ao deterioro do ben que a finais do século XIX foi utilizado como "canteira" para a construción. Na actualidade consérvase só unha moi derrubada estrutura consistente nun torreón con bóveda de canón; a parede dunha cruxía na que se conserva unha portada gótica cunha fiestra oxival, o pozo do castelo, así como a base da fortificación dunha cantería propia do século XV. 

Agora as Torres de Altamira recuperarán parte do seu esplendor, ou canto menos así se deduce das palabras do deputado provincial Xosé Lois Penas tras reunirse co alcalde de Brión, José Luis García: "neste momento iniciamos o estudo das posibilidades por parte de persoal técnico para estudar o alcance e a natureza da actuación que, ao noso ben, ten que pasar pola mellora do ben patrimonial, do entorno, da súa posta en valor e tamén do acondicionamento para posíbeis novos usos" do que considerou como un "ben de especial relevancia en toda a comarca sobre o que hai moitas posibilidades para mellorar a súa situación e as posibilidades de conservación e difusión, en especial, coa poboación da propia comarca mais tamén como atractivo para o turismo do concello". 

Neste sentido, insistiu na coincidencia co concello de Brión , na "necesidade de actuar de forma decidida no coidado do patrimonio, en especial, dun ben como as Torres de Altamira de especial interese histórico e artístico polo que traballaremos conxuntamente na dirección de mellorar o estado da fortaleza que pode ser un extraordinario escenario para actuacións ao aire libre se se acondiciona neste sentido".