Chegados ao vixésimo sexto ano de HGg&T_ Editorial HGg&T 221

HGg&T cruzou o Rubicón dos seus primeiros 25 anos de edición ininterrompida, nun tempo cronolóxico preciso, rexistrador de circunstancias aleatorias pero oportunas, que outorgan expectativas puntuais, como a recuperación no último ano, do rango de consellería para o sector turístico (11% do PIB, pero moito máis pola dinamización que o binomio coa hostalería ten no sector alimentario e outras producións e servizos), ou a renovación nas corporacións locais. Neste enmarque perfilado por este presente futuro inmediato, e a perspectiva histórica que lle outorga á revista ser notaria hexemónica, testemuña e referencia única para a intersectorial representada no acrónimo da cabeceira… chega a XVII edición da Gala do Turismo e a Gastronomía de Galicia, recuperando o formato que a caracterizou, co outorgamento dos Premios HGg&T nas distincións habituais.

Este camiño, que xa é un andar cara outro cuarto de século, afronta con paso firme o reto, e pretendemos escenificalo na Gala que celebraremos o 25 de setembro, con recoñecementos en clave de presente, tamén e ao mesmo tempo na perspectiva histórica que nos outorga a condición de revista pioneira no sector, modelo editorial único no decorrer dos anos, ata a actualidade sen competencia nin parangón; pegada súa andaina á realidade económica das empresas, produto e entes produtivos e profesionais. Un proxecto en absoluto cortoplacista como os cinco lustros que nos contemplan demostran, distante de deslumbres e reflexos de quita e pon, corta e pega, efémeros e lambetóns.

Quixemos saber da axenda en materia de turismo dos alcaldes das sete grandes cidades para esta lexislatura -para a pos-festa, queda a complementación coas deputacións- e entendemos que a ocasión deste vixésimo sexto ano de HGg&T e a Gala de despegue cara as vodas de ouro, é momento oportuno para coñecer o pensamento do aínda flamante conselleiro de Turismo, nun momento de recapitulación e aposta, Xacobeo 21 por diante, pero sobre todo, as pedras de asento da política turística galega. 

Vimos e chegamos a estas alturas con moita memoria, con perspectivas de luces longas, con experiencias dispares. Estaba case todo por facer alá polo oitenta do século pasado. Practicamente toda a estrutura de modernización do sector fíxose a partir daqueles anos. Non foron estes inmediatos, precisamente, os máis creativos e brillantes. A impresión que nos deixan os plantexamentos do conselleiro, malia a que botamos de menos algún aporte crítico-autocrítico en clave de administración turística galega recente- é que o sector non está en malas mans, agroman ideas, intencións, talante no conselleiro. Tamén algo de triunfalismo, pero o tempo sentenciará o acerto na dosificación. 

E HGg&T estará aquí -se vostedes non din outra cousa- para contalo. Benvidos a estes acontecementos.