
Así, o mércores 18 tocarán no Centro Sociocultural de Fontiñas, o xoves 19 no Centro Sociocultural de Vite e o venres 20 na igrexa de Santa María de Conxo. Cada unha destas citas musicais comezará ás 19:00 horas.
Entre as obras clásicas presentadas estarán a Chanson de matin (Canción da mañá) do compositor británico Edward Elgar (1857-1934), unha peza de grande atractivo melódico, varios fragmentos da Sinfonía nº 2 de Beethoven (1770-1827), unha obra moi enérxica, repleta de beleza e vitalidade, ou unha selección da Sinfonía nº 1 do compositor francés Georges Bizet (1838-1875).
Este ciclo de concertos nos barrios é o preludio da nova temporada 2019-2020 da Real Filharmonía de Galicia, que, baixo o título "En movemento", arrancará o vindeiro 26 de setembro baixo a batuta da directora portuguesa Joana Carneiro. En outubro, a RFG ofrecerá un programa de zarzuela, en novembro estrearase a ópera A amnesia de Clío, do compositor galego Fernando Buide, e unha gala lírica pechará a temporada en maio.
No marco do Festival Cineuropa, a orquestra porá a banda sonora ao filme mudo A caída da casa de Usher (1928), de Jean Epstein, con música de José Mª Sánchez-Verdú, que se estreará por primeira vez en España. Ao longo da temporada, a RFG realizará varias estreas, mantendo así o seu compromiso coa creación contemporánea e o apoio a novos compositores galegos, nacionais e internacionais.
A Real Filharmonía de Galicia conmemorará o Ano Beethoven en 2020, coincidindo co 250 aniversario do nacemento do xenial compositor. En marzo realizará unha xira internacional por Austria, con 4 concertos nas cidades de Salzburgo e Bregenz. Ademais, a orquestra continuará coas súas propostas didácticas, concertos familiares e solidarios, xunto ás actuacións noutras cidades galegas.