A hotelería pontevedresa capeou ben a choiva de agosto

A Deputación de Pontevedra acaba de facer públicos os datos de ocupación media do pasado mes de agosto, que se sitúa no 83% "a pesar de que agosto deste ano foi, segundo os informes de Meteogalicia, o segundo mes coa temperatura máis baixa da década e con precipitacións que o sitúan como o máis húmido do último lustro". 

Así falaba a  presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, que valorou moi positivamente estes datos extraídos a través dun estudo de Big Data, asegurando que demostran que Pontevedra se sitúa como "o puntal turístico de Galicia". 

Máis polo miúdo, e por comarcas, O Salnés acadou o 88% (chegando ao 90% en vilas como Sanxenxo e ao 86% no Grove), Pontevedra o 86% (sendo do 75% na cidade de Pontevedra), O Morrazo o 86,3%, Caldas o 76%, Vigo o 87% (coa mesma porcentaxe na cidade que acadou ademais o 100% durante a fin de semana do Marisquiño, e chegando ao 90% en Baiona), O Baixo Miño do 87,4%, O Condado e A Paradanta do 74% e Deza e Terra de Montes do 79%.

Con respecto ao turismo rural os resultados "foron espectaculares", cunha media provincial en agosto do 84%. Neste eido, a presidenta provincial fíxose eco dos datos proporcionados pola web escapadarural que sitúan á provincia como a terceira española coa maior porcentaxe de ocupación, soamente superada por Málaga e Cádiz.

Pola súa banda os cámpings acadaron unha ocupación media provincial do 75,3%. Neste caso os cámpings do Salnés chegaron ao 82,4%, no Morrazo ao 71%, na comarca de Vigo ao 83,3%, no Baixo Miño ao 55% e nas comarcas do Condado e A Paradanta ao 85%.

En canto ás vivendas turísticas, a presidenta provincial subliñou que a ocupación chegou ao 100% en zonas como Sanxenxo, Cambados, Poio, Pontevedra, Vigo, Nigrán, O Grove, Cambados e Silleda. En Baiona, Cangas, Vilagarcía, A Guarda e A Illa superaron o 92% e en Marín, Meaño, Nigrán, Caldas, O Porriño e Vilaboa o 87,5%. 

A presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para dar a coñecer as estimacións, "con moita prudencia", para o mes de setembro e que sitúan á porcentaxe de ocupación nun 51%.