A hostalería de Ponteareas organiza unhas xornadas gastronómicas libres de gluten

A federación do comercio, hostelería e servizos de Ponteareas BANASTRA organizará esta fin de semana unhas xornadas gastronómicas libres de gluten, que incluirán unha ruta de pinchos e tapas, unha feira con exposición e venda de produtos e obradoiros de cociña. 

Unha iniciativa que conta co apoio da Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) e que pretende trasladarlle á cidadanía que calquera persoa pode desfrutar dun menú variado e de calidade independentemente da intolerancia alimentaria que teña.

A ruta de pinchos e tapas libres de gluten poderase gozar nos locais de hostalería do centro da vila dende o venres 13 ata o domingo 15. Participan Viñoteca Eira Vella, Tapería Macdona, Mama Fina, Quo Vadis, Casa da triga, O túnel, Casa Ferreira e Bocatería Bocados.

Paralelamente, o sábado abrirase a feira exposición e venda de produtos sen gluten na rúa Esperanza de 10 a 14 horas. Tamén pola mañá de 11 a 13 horas terá lugar o obradoiro de cociña sen gluten para nenos/as de entre 5 e 12 anos na praza de abastos. O Mago Fran actuará na Praza Maior ás 19 horas para logo percorrer os locais colaboradores.

O domingo día 15 as xornadas sen gluten ofrecerán un obradoiro de cociña para toda a familia na praza Maior ás 18 horas no que que poderán aprender a coñecer e traballar con diferentes tipos de fariñas.

Durante a presentación da iniciativa a concelleira de Promoción Económica de Ponteareas, Eva Gil, destacou a importancia de apoiar ao comercio e hostalería local como importantes dinamizadores económicos. “A nosa hostalaría ten moito que ofrecer por iso é importante que todos os públicos saiban que en Ponteareas pode atopar un menú axeitado as súas necesidades e para todos os tipos de comensais”.