A Deputación de Ourense aprobará este mes os orzamentos para 2020

Un ano máis, a Deputación de Ourense será a primeira administración de España en aprobar os seus presupostos –que ascenden a 85,7 millóns de euros e se aprobarán no pleno ordinario do vindeiro 27 de setembro-, "pensados por e para Ourense e que reflicten a nosa realidade e fan posible as reivindicacións dos veciños da provincia", afirma o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, "son os da débeda cero e os da cooperación cos concellos, e encaran os novos retos da provincia neste século XXI". 

O presidente do goberno provincial considera que este traballo de anticipación e previsibilidade orzamentaria "ten que ver co cumprimento das directrices políticas que emanan do plan de mandato "Ourense 7273". "Son os orzamentos –dixo- que nacen do rigor, da participación, e de escoitar a todos os representes de concellos e de entidades culturais, sociais e económicas da provincia", unhas contas, expresou, "que van estar plenamente operativas o 1 de xaneiro de 2020 e que dan cumprimento a unha das actuacións previstas no plan Ourense 7273: que é que se aprobaran en setembro de 2019".

Manuel Baltar destaca que é "un traballo de meses, de moito escoitar, con visión integral de provincia, pensado por e para a nosa provincia, con Ourense por riba de todo". Por iso agradece "aos compañeiros do goberno provincial, tanto aos do grupo popular como aos do grupo de Democracia Ourensana, o seu labor e as súas achegas, esa cooperación cos concellos da provincia, coas entidades deportivas, culturais, económicas e empresariais, e con todo o tecido produtivo, que fai provincia día a día, e co que Deputación de Ourense é o mellor aliado para conseguir os importantes retos que temos por diante neste mandato que é o da chegada do AVE; do Centro Galego de Innovación na Formación profesional; do edificio "Provincia Intelixente", e en semanas a Deputación tamén abrirá as súas novas dependencias no edificio central de Correos en Ourense.

"En definitiva –salienta Baltar-, moitos retos, unha máquina imparable de pensar en clave de Ourense, e uns orzamentos que reflicten esa realidade, descenden ao terro dos números, e fan posible as reivindicacións dos veciños da provincia".