O
conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente de Nove, Miguel Ángel Campos, asinaron hoxe un convenio de colaboración para
promover Galicia como destino enogastronómico. O acordo permitirá, entre outras
actuacións, que Galicia abra en Porto un restaurante 8 Estrelas Michelin e 20
Soles Repsol co obxectivo de promover a excelencia da nosa cociña.
O establecemento será atendido por todos os
chefs de Nove, que unirán o seu talento do 24 de outubro ao 17 de novembro
neste local efémero situado no Hotel Carrís Porto Ribeira, con servizo de ceas
de martes a domingo. Como salientou o titular de Cultura e Turismo da Xunta, o
restaurante “funcionará como embaixador da nosa cultura e gastronomía ofrecendo
unha imaxe de calidade que os viaxeiros poden atopar na nosa Comunidade”.
Ademais do presidente de Nove, o acto de
sinatura contou coa presenza dos chefs Xosé Cannas, Manuel Costiñas, Yayo
Daporta, Lucía Freitas, Juan Crujeiras, Roberto Filgueira, Javier Rodríguez Taky e Álvaro Villasante, así como da directora da Axencia Turismo
de Galicia, Nava Castro. Precisamente, o obxectivo deste restaurante efémero será
recrear a esencia de Nove ofrecendo un menú degustación elaborado polos 22
chefs do grupo na cidade de Porto, coa finalidade de exportar a alta cociña
galega máis alá das nosas fronteiras.
Así mesmo, o titular de Cultura e Turismo
destacou a “profesionalidade e o bo facer” dos chefs de Nove e puntualizou que
esta acción “favorecerá a internacionalización da nosa oferta enogastronómica
nun mercado de gran potencial”, contribuíndo así a desestacionalizar a
actividade turística fóra da tempada estival, atraendo viaxeiros “durante os
doce meses do ano”.
Paquete
‘Rutas Nove’
O acordo asinado entre a Xunta de Galicia e Nove
inclúe ademais o impulso de Rutas Nove,
un paquete premium para os turistas interesados en experiencias únicas
centradas nas potencialidades da cociña galega. Dentro deste produto haberá
tres paquetes, o primeiro deles centrado nos amantes da natureza que busquen un
aloxamento respectuoso co medio ambiente e interesados en degustar produtos
galegos de proximidade e de tempada.
O segundo dos paquetes aproveitará a ampla
rede de balnearios galegos para ofrecer un produto centrado no turismo de
benestar e saúde a descubrir os beneficios da dieta atlántica. Por último, o
terceiro dos paquetes está enfocado a aloxamentos de cinco estrelas e
experiencias gastronómicas en restaurantes con Estrelas Michelín. Todos estes
produtos poderán adquirirse a través da web de Turismo de Galicia, na web do
grupo Nove e na doutros socios involucrados como hoteis ou balnearios.
O conselleiro de Cultura e Turismo recordou
que o Goberno galego puxo en marcha diferentes medidas como a estratexia
Galicia Sabe para situar a Comunidade como destino enogastronómico de primeiro
nivel. Froito desta actuación, destacou, xa se ten realizado un mapa dos
recursos enogastronómicos da Comunidade, rexistrando máis de 2.200.