A Xunta investirá máis de 7 millóns de euros para ampliar e mellorar a rede pública de albergues, integrado na actualidade por 70 establecementos que ofrecen máis de 3.200 prazas ao longo dos diferentes Camiños de Santiago.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou no parlamento que se realizarán diversas actuacións de mantemento e reforma nos albergues públicos, ampliaranse e crearanse novos locais atendendo a criterios como a descentralización dos fluxos turísticos, priorizando as rutas en auxe, e apostando pola rehabilitación de edificios históricos cun elevado valor patrimonial e histórico.
“Estamos ante un novo plan que vén a dar un impulso definitivo á rede pública de albergues, uns establecementos que son a esencia da acollida no Camiño de Santiago e da imaxe que levan de Galicia os peregrinos”, puntualizou, ao tempo que anunciou o “inminente inicio” das obras de construción do albergue de Vigo, adxudicado por 1 millóns de euros, ou a ampliación do albergue de Pontevedra por case 200.000 euros.
A este proxecto súmanselle, entre outras, as accións de sinalización seguindo o calendario establecido no Plan Director do Camiño, no que a Xunta vén traballando desde o 2015 para preparar o Xacobeo 21 con antelación. Este ano, estes labores céntranse na Vía da Prata, na que se prevé actuar este outono con 3 millóns de euros para o seu acondicionamento mentres se traballa en diversas iniciativas que relancen a súa presenza entre os peregrinos. En 2020 será a quenda do Camiño de Inverno.
En paralelo, a Xunta está a levar a cabo medidas para o embelecemento das diferentes rutas co fin de que estas “amosen a mellor cara de Galicia, tanto para os galegos como para os peregrinos que nos visiten”. Neste eido, Román Rodríguez recordou que a Xunta vén de aprobar un proxecto, en colaboración coa Fundación Juana de Vega, co fin de eliminar elementos que deterioran a paisaxe.
Do mesmo xeito, destacou o “ambicioso proxecto” de rehabilitación e restauración dos Bens de Interese Cultural (BIC) do Camiño, acción para a que reclamou a “implicación” do Goberno do Estado. Ademais, o conselleiro lembrou a posta en marcha de proxectos para a mellora da calidade, como o convenio de colaboración co Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) para facilitar que os establecementos e albergues do Camiño poidan ter acreditada a súa excelencia na atención aos peregrinos.