Unha nova lei regulará o uso lúdico das augas termais

A nova Lei de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia comeza a súa tramitación parlamentaria co ambicioso obxectivo de "converter Galicia nun referente termal así como consolidar o turismo neste sector”, en palabras do consellerio de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde no marco da súa reunión con representantes da Cámara Oficial Mineira e a Asociación de Balnearios de Galicia para presentarlles a nova lei

Trátase dun texto pioneiro en España á hora de ordenar o uso lúdico das augas termais, que complementa a regulación existente para o seu uso terapéutico non balneario, dando resposta á nova realidade dun sector de actividade que presenta grandes potencialidades asociadas ao benestar a ao lecer- e busca impulsar e protexer este recurso, que é estratéxico para a Comunidade “desde o punto de vista natural, patrimonial, cultural e turístico”, segundo Conde.

Tal e como explicou o conselleiro, o texto foi elaborado coa participación dos principais axentes e sectores con intereses na materia, e distingue de xeito claro entre as augas termais destinadas a usos terapéuticos e preventivos, cun aproveitamento realizado en exclusiva en establecementos balnearios, tal e como xa recolle a normativa vixente; das augas termais destinadas a usos lúdicos, que se aproveitan en espazos e piscinas termais.

Estas últimas son as que se regulan neste proxecto de lei, que determina as liñas xerais do procedemento administrativo de outorgamento das correspondentes concesións ou autorizacións, fíxanse os dereitos e obrigas dos titulares dos aproveitamentos e prevese un réxime de inspección e sanción. Do mesmo xeito, a nova normativa establece un procedemento simplificado para a regularización dos aproveitamentos lúdicos preexistentes, outorgando un prazo dun ano.

Coa nova lei, preténdese velar pola salubridade e hixiene dos aproveitamentos turísticos das augas termais; garantir a sustentabilidade ambiental, mediante unha explotación racional que preserve o medio ambiente e o acuífero, tanto en termos de calidade como de cantidade; protexer a súa integridade como recurso natural, patrimonial e turístico, e promover o desenvolvemento económico e social das poboacións onde xorden augas termais, “permitindo fixar poboación e emprego no rural”, subliñou Conde.

Galicia é a maior potencia termal de España con 300 captacións de augas mineromedicinais, 21 balnearios ademais de talasos –con máis de 3.000 prazas hoteleiras, o que representa o 20% da oferta nacional– e recibe anualmente preto de 150.000 usuarios. Ademais, 7 dos 33 balnearios de España coa Q de Calidade Turística son galegos.