Santiago reclama a implicación do goberno central no Xacobeo 2021

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo pediulle á Ministra de Industria, Comercio e Turismo en funcións, Reyes Maroto, unha implicación "máis directa do seu Ministerio na programación e na xestión do Xacobeo", aproveitando á súa visita á capital de Galicia. 

Pola súa banda, a ministra explicou que xa están traballando co obxectivo de vertebrar un proxecto en torno ao Ano Santo, e que se están activando "algúns programas en común" co Concello co obxectivo de poder "desfrutar todos dese gran evento, aproveitándoo como un reclamo turístico de promoción de Galicia e da marca España".

Despois de agradecerlle a súa presencia no Concello, Sánchez Bugallo afirmou que tanto o Ministerio de Turismo como o Goberno de España xa "están detrás" do Ano Santo en materia orzamentaria e de seguridade, pero "non se visualiza dende o punto de vista da súa participación indirecta e dende a súa intervención activa". O alcalde lembrou que o Camiño de Santiago é común a moitas das comunidades autónomas e polo tanto é dixo, un tema transversal. Sinalou que se trata "dunha das referencias internacionais máis sólidas e máis lonxanas no tempo" que ten España e que dentro de dous anos se cumpren, dixo, os 900 anos da proclamación do Ano Santo polo Papa Calixto II. 

En materia de Turismo, a conversa centrouse, segundo a ministra, "en poder aportar unha maior presenza e proactividade" nun proxecto "tan importante" como vai ser o Xacobeo 2021. Reyes Maroto trasladoulle a Sánchez Bugallo que na última conferencia sectorial do Ministerio aprobaron un grupo de traballo para coordinar accións de promoción e de dixitalización dos Camiños de Santiago "para facer do Xacobeo un proxecto vertebrador de España". Este grupo, dixo, "estase reunindo hoxe en Fitur". E adiantou que en xaneiro de 2020 "presentaremos ese proxecto no que se está traballando".

Explicou tamén a ministra que, en resposta "a esa proactividade que o alcalde nos está solicitando", por primeira vez Turespaña está participando como convidado no Consello Xacobeo, para poder incorporar accións de promoción ao Ano Santo. Este consello, que "ten participación do Ministerio de Cultura", é onde se organizan todas as actividades culturais en torno ao Xacobeo 2021.